Apadriña unha pedra!

juan andrés Fernández A ESTRADA

A ESTRADA

06 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Na sesión plenaria do concello estradense celebrada o día 30 de outubro de 1971, presidida polo alcalde Jesús José Fernández-Novoa, dase conta, no punto segundo da orde do día, dun escrito do consello de administración do Banco Simeón. Viña dicir, en resumo, que poñía a disposición do pobo o frontispicio do antigo templo parroquial da Estrada, desprovisto xa de campanario, engadindo que se comprometía a desmontalo pedra a pedra e reconstruilo no lugar que lles fose indicado. A corporación acepta e agradece tan xenerosa doazón mais o certo é que aquela fachada que formou parte da vida cotiá de moitas xeracións de estradenses, como templo parroquial de San Paio de Figueiroa na Estrada entre 1858 e 1865 e de San Paio da Estrada entre 1865 e 1935, nunca se chegou a restaurar.

As pedras, si, foron numeradas e trasladadas a unha dependencia municipal onde na actualidade se encontran, se ben das cento oitenta, aproximadamente, que conformaban a fachada, tan só pode verse unha parte. Nada sabemos do campanario mais a reixa metálica que había no van superior da porta principal gárdase no Museo Reimóndez Portela.

Fomos campeóns do derribo neste pobo; un moi sucinto inventario das desfeitas pode consultarse no episodio desta serie que leva por título Arquitectura urbana extinta na Estrada (La Voz de Galicia, 1 de xuño de 2025). Chegou a hora de virar as tornas e emendar pasados erros.

Por que non intentamos entre todos recuperar tan emblemática fachada? Quen nolo priva? A reconstrución é posible, sen dúbida ningunha, pois conservamos moitos dos perpiaños orixinais e imaxes fotográficas que permitan identificalos un a un. Que algúns desapareceron?, reconstrúense!, hai nesta comarca moi acreditados cinceis e escolas de canteiros; que mellor labor se lles pode encomendar que o rescate dunha parte tan sustancial da nosa arquitectura urbana?

Vén despois a procura dunha ubicación axeitada; o mellor sería devolver o frontispicio a aquel lugar onde antano se asentara, na confluencia das rúas 56 e San Paio pero, se non pode ser, valería tamén calquera parque público, unha praza, unha rotonda.

Reparar vellos agravios, reconciliar, pousar os ollos outra vez naquelas pedras venerables que un día contemplaron a rebuldaina das feiras, o solemne decorrer das procesións, os carromatos de cabalos e os primeiros vehículos a motor e coñeceron así mesmo as alegrías, angueiras e traballos daqueles que construiron este pobo. Se non co templo enteiro, iso é imposible, intentémolo, alomenos coa fachada; veremos algún día brillar de novo o sol da Estrada naquela pedras centenarias e oiremos a lección do profesor: “Observade esta noble fachada, lixeiramente máis alta (8´61m.) que ancha (7m.). Vemos no centro unha porta sobre a que se abre un arco de medio punto que actúa a modo de tragaluz e a cada lado un par de pilastras lisas, sen concesións ornamentais de ningún tipo, dúas á dereita e outras tantas á esquerda. Entre elas senllos óculos de reducido tamaño e na súa cima, rematando a fachada, un frontón triangular de inspiración clásica no que se aprecia o oco que albergaba o reloxo. Mirádea ben; devanceiros vosos tallaron as pedras, levantaron os seus muros e fundiron o bronce das campás que hoxe chaman os fieis na igrexa nova; outros botáronos un día por terra e outros máis, ultimamente, empeñáronse en restituír o seu primitivo esplendor para perpetua memoria do que un día foi e desfrute voso e dos vosos fillos”.

Quen se vai opoñer a este soño? Haberá alguén que diga que non? Paréceme imposible. O miolo da cuestión radica en que precisamos a alguén importante que diga que si, “vontade política” ese é o eufemismo que hoxe se emprega para manifestar aquilo que un executivo se empeña en sacar adiante. O obxectivo é noble -rescatar unhas pedras que dormen o sono dos xustos cubertas de musgo; restituír a memoria dun pobo-; e a actual conxuntura política, inmellorable, poida que nunca se repita outra igual, aproveitemos pois a oportunidae. A que esperamos?

Faltan os cartos, ben o sei, non é esa unha cuestión menor e dalgún lugar hai que sacalos; as administracións locais, provinciais, autonómicas, nacionais e incluso europeas ofrecen xenerosas fórmulas de financiación; senón todo, algo se pode obter por esta vía. Logo está o patrocinio privado e iso que hoxe en día se deu en chamar crowdfunding, especie de micromecenazgo ou financiación colectiva. “Eu apadriño unha pedra!”; velaquí unha xeitosa consigna.

Estouno vendo. Un gran panel cunha fotografía do frontispicio da igrexa vella da Estrada. Cada unha das pedras co seu número e nunha lista o diñeiro que custa apadriñala; cadaquén elixe a súa que, desde ese momento e previo pago, pasa a ser denominada co nome de quen a adoptou. O importe, naturalmente, establecerase en función do traballo que precise cada un dos perpiaños a tallar, de modo que un dos lisos -a maioría, pois é evidente a sobriedade decorativa da fachada- resultará máis económico que aqueles que precisen dun labor máis requintado. E así deica lograr a financiación completa do proxecto. É este noso un pobo solidario; ben o demostrou en múltiples ocasións; a propia igrexa parroquial, o antigo campo de fútbol, por citar dous tan só, beneficiáronse da xenerosidade dos estradenses. Había ilusión daquela, devoción polo noso. Precisamos agora un capitán.

Quero expresar a miña gratitude a cantos estradenses me transmitiron a súa solidariedade con este proxecto; tamén a María José e María del Carmen Folgar, que me asesoraron na descrición arquitectónica da fachada e a Miguel Docampo por permitirme examinar as pedras da fachada que aínda conservamos.