Os mergullos chegaron en varias localidades tras días de intensa calor

r. r. / J. B. LALÍN, A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel Souto

Na Estrada apenas houbo público porque só funcionou o vaso infantil

02 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Despois de días de intensa calor, co cabreo de moitos pola falta de previsión ante os veráns cada vez máis estendidos no tempo sen que os concellos reaccionen e abran antes as piscinas exteriores, onte púidose gozar xa destas instalacións en moitas localidades. En Lalín, Silleda, A Bandeira ou Dozón púidose xa combater as altas temperaturas con mergullos nos complexos acuáticos municipais, tras ter tan só ata o de agora a opción de praias fluviais máis ou menos arrombadas.

Na Estrada xa se sabe que polo menos toca agardar ata mediados de mes polo vaso grande, que está en obras, pero en principio ían estar operativos o mediano e o máis pequeno, para nenos de pouca idade. Pero polo menos este martes só estivo operativo este último. Ao parecer puido haber algún problema de filtracións ou de cumprimento da analítica da auga que impediu abrir o vaso mediano. Por iso moitas persoas ao ser informadas de que só estaba a infantil desistían de entrar ao recinto, a pesar de ter entrada gratuíta. Unhas instalacións atendidas de forma provisional por un socorrista enviado desde Cuntis.

En Lalín, as piscinas municipais exteriores abriron onte as súas portas tal e como estaba previsto e as instalacións xa foron estreadas por un nutrido grupo de bañistas aproveitando a calor. En Rodeiro, a apertura das instalacións das piscinas municipais estaban pendentes, apuntaban desde o goberno local da correspondente inspección.

En Forcarei abriron tamén as piscinas municipais da localidade pero,. en cambio, desde o Concello anunciábase o atraso dun día da apertura das de Soutelo de Montes.

En Agolada, en cambio, estes días continúan os traballos de remodelación do recinto das piscinas municipais e aínda non se produciu desde o Concello o anunciou de ningunha posible data de apertura das instalacións.

Controversia en Forcarei por actos vandálicos nas instalacións de Forcarei

O goberno local de Forcarei alertaba a través das súas redes sociais de que as instalacións acuáticos sufriron actos vandálicos nos últimos, cando estaba a piques de comezar a tempada. Aludiron a gresites arrincados nos vasos, manchas de terra nas paredes dos vestiarios ou a desaparición de varias tapas situadas nos bordos da piscina. Anunciaban ademais unha denuncia ante a Garda Civil, mentres a rexedora lamentaba a falta de civismo dos autores.

Pero o anuncio municipal xerou controversia en Redes, apuntando algunhas persoas que desde hai tempo xa faltaban azulexos nos vasos hai tempo e requiríase mantemento previo para a súa reparación. E houbo críticas porque o camión de bombeiros do Concello colleu auga dos depósitos de incendios de Soutelo de Mones e Ou Sixto para levar as piscinas, dado o risco actual de lumes.