A Estrada e Rianxo conmemoran o Ano Castelao con énfase na parella Castelao-Virxinia
A ESTRADA

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, vén de recibir no seu despacho ao rexedor do Concello de Rianxo, Julián Bustelo, nun encontro no que os dous dirixentes tomaron o acordo de programar conxuntamente iniciativas culturais tendentes a conmemorar o Ano Castelao a través de matrimonio que conformaron o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a estradense Virxinia Pereira Renda.
«Queremos facer algo conxunto, non só para afondar na figura de Castelao, que é moi coñecida por todos, senón tamén da que foi a súa muller, Virxinia Pereira, quen, dalgún xeito, é a eterna esquecida», subliñou Louzao.
O autor de Sempre en Galiza pasou un tempo na Estrada antes de partir a Bos Aires e este municipio deixou pegada na súa vida e obra. Son varios os elementos patrimoniais da Estrada que figuran na obra multidisciplinar de Castelao, dende pontes, cruceiros ou pazos ata a Estela de Ouzande. Tras coñecela en Santiago nos seus tempos de estudante de Medicina, Castelao casou con Virxinia Pereira na igrexa de San Paio no ano 1912. Tiveron un único fillo, Alfonso, que faleceu con 14 anos. Virxinia faleceu en Madrid no 1969. Os seus restos mortais foron trasladados no 1986 ao panteón familiar do cemiterio de Figueiroa, a onde se trasladaron tamén os do único fillo do matrimonio, que fora soterrado en Pereiró (Vigo).