O Sindicato CGT pide á comisión de festas de Loimil que reconsidere a elección de Pérez Jácome como pregoeiro
A ESTRADA
As organizacións que subscriben esta carta, en representación das traballadoras e traballadores e do sentir dunha parte significativa da sociedade, dirixímonos a vostedes para expresarlles a nosa preocupación ante a recente elección de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, como pregoeiro da Festa do Año ao Espeto que se celebrará o vindeiro día 1 de xuño. Consideramos que a designación desta persoa non é acertada, pois non representa a súa figura os valores éticos para merecer tal honra, nin tampouco encarna o espíritu integrador e tolerante que deben ter a nosas festas e celebracións, polos seguintes motivos que a continuación expoñemos:
Condenas e sentenzas firmes:
En xuño de 2024 foi condenado por acoso ao interventor municipal, obrigándoo a readmitilo e a indemnizalo con 30.000 € por danos morais. A sentenza determinou que, tras un informe presentado polo interventor en agosto de 2023, Jácome iniciou unha campaña de desprestixio público, tanto nos plenos como nas redes sociais, que rematou nun cesamento ilegal.
En marzo de 2025 foi condenado por acoso a unha ex-xefa de Comercio, con indemnización de máis de 48.000 €. A sentenza conclúe que Jácome exerceu presións e descalificacións constantes e que o Concello non activou o protocolo antiacoso, malia a denuncia presentada pola traballadora.
Nese mesmo mes de marzo, foi condenado por trato vexatorio a outra funcionaria. A sentenza recolle que foi obxecto de desprezo, gritos e desautoración diante de compañeiros, causando graves consecuencias emocionais.
Investigacións abertas:
Incompatibilidade de cargos e malversación: En marzo de 2024, a Fiscalía levou a Gonzalo Pérez Jácome ao Tribunal de Contas por suposta malversación e prevaricación, tras unha denuncia que sinalaba que tería compaxinado o seu salario como alcalde con ingresos privados, sen a debida declaración de compatibilidade.
Caso dos audios: En xuño de 2024, a Fiscalía presentou unha denuncia tras a aparición de audios nos que o alcalde falaba de irregularidades na súa xestión. Os partidos da oposición acusárono de ata oito delitos relacionados con estes feitos.
Os motivos da nosa preocupación e malestar baséanse non en opinións ideolóxicas, senón en feitos xudiciais contrastados. Diversas sentenzas recentes ditadas polos xulgados de Ourense condenaron ao Sr. Pérez Jácome por acoso laboral a funcionarios municipais, recoñecendo actuacións de desprezo, presión psicolóxica e cesamentos irregulares.
Entendemos que a Comisión de Festas de Loimil non era coñecedora da gravidade destes feitos dos que lle informamos, no momento de elixir o candidato a pregoeiro. Mais, como comprenderán, as prácticas e actitudes do rexedor municipal Gonzalo Pérez Jácome non se corresponden cos valores éticos nin de respecto que debe ter quen presida a inauguración dunha festa popular, tratándose ademais dunha festa tradicional que vai xa pola XXIII edición e opta a ser de interese turístico de Galicia.
Por iso, e moi ao noso pesar, que non temos intención algunha de incomodalos nin de alterar o seu programa festivo, solicitámoslles que reconsideren dita designación do Sr. Gonzalo Pérez Jácome e opten por unha persoa que sexa verdadeiramente representativa do conxunto do pobo e dos seus valores, por responsabilidade moral e por respecto ás vítimas destas situacións.