A Xunta lanza a licitación do segundo tramo da autovía Santiago-A Estrada coa previsión de estrealo a finais do 2028

A ESTRADA

«Hai que ter sentidiño e pensar que as cousas que se empezan hai que acabalas», di Rueda
21 may 2025 . Actualizado á 10:13 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá A Estrada para anunciar publicamente o lanzamento da licitación das obras do segundo tramo da autovía Santiago-A Estrada (AG-59). Este novo tramo discorrerá entre Pontevea (Teo) e Ou Rolo (A Estrada) e permitirá conectar o municipio estradense coa capital galega «en só dez minutos», segundo subliñou o mandatario galego.
O proxecto contempla a ampliación da autovía ata un total de 14 quilómetros. O novo tramo que se licita suma catro quilómetros e conta cun presuposto de 33 millóns de euros. As empresas interesadas en acometer as obras poderán presentar as súas ofertas desde agora ata o día 24 de xuño. O inicio dos traballos está previsto para este outono e o prazo de execución estenderase ata o ano 2028.
O acto institucional tivo lugar na parroquia de Santa Cristina de Vea, xunto ao campo de fútbol da Nogueira, na aldea de Ou Rolo, onde desembocará o novo tramo da autovía e onde se conectará coa estrada provincial A Estrada-Santiago (PO-841) mediante unha rotonda.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, coprotagonizó os discursos con Rueda, pero non foi o único que se achegou a Ou Rolo para aplaudir a materialización do compromiso da Xunta con esta infraestrutura. Tamén estiveron os alcaldes de Vedra e Teo, Carlos Martínez e Lucía Calvo, varios edís do grupo de goberno estradense e unha boa representación de empresarios e de representantes de colectivos locais que quixeron ser testemuñas dun momento «histórico», en palabras de Gonzalo Louzao.
O alcalde estradense subliñou o compromiso de Rueda coa AG-59 e coa Estrada. «Rueda cumpre e non podemos ter dúbidas. Cumpre coa Estrada e cos estradenses», dixo antes de lembrar que, nada máis chegar á presidencia da Xunta, Rueda asumiu o compromiso de que a autovía chegase ata A Estrada e «non deixou de dar pasos» ata anunciar a licitación. «A Estrada soubo agardar cando tocou facelo. Chegou o noso momento», asegurou Louzao.
O mandatario estradense citou a conexión con Santiago por autovía e a ampliación pública do polígono industrial de Toedo, que tamén está a impulsar a Xunta, como os dous piares que A Estrada necesita para construír un futuro de oportunidades que permita fixar poboación e superar o reto demográfico.
Rueda, pola súa banda, asegurou que «estamos facendo ou que temos que facer». O presidente atribuíu o mérito da consecución a Louzao, que «é un alcalde insistente», e tamén aos seus homólogos de Vedra e Teo, así como ao exalcalde estradense José López _«actual membro do goberno da Xunta de Galicia e que o está facendo ademáis magnificamente»_, «que tirou moito por esta infraestrutura».
«Sentidiño» para acabar o empezado
«Hai que cumprir o que se promete e tamén hai que ter sentidiño para pensar que as cousas que se empezan hai que acabalas. No caso desta autovía que levaba moito tempo iniciada e que de repente se cortaba, había que facer un esforzo e rematala», dixo Rueda. «O lóxico era rematar o que se empezou», dixo despois de sinalar que a infraestrutura esixiu un grande esforzo económico, xa que o tramo en execución e o que hoxe se licita suman 69,6 millóns de euros que a Xunta tivo que desembolsar «casi dunha atacada».
O presidente da Xunta asegurou que, a pesar de as voces escépticas, o tramo en execución entrará e servizo «antes de que remate este ano» e que a autovía Santiago-A Estrada quedará completada «arredor de finais do ano 2028», conectanto Ou Rolo (A Estrada) e Santiago en 10 minutos. Actualmente están en servizo 6,5 quilómetros da AG-59, desde Santiago ata A Ramallosa.