
Este venres tivo lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega dos Premios Best in Class 2024 (BiC), cos que a publicación especializada Gaceta Médica recoñece o desempeño do conxunto de hospitais e centros de saúde españois. Nesta edición, a Sanidade pública galega foi recoñecida con catro galardoes na categoría de mellor servizo asistencial e con tres diplomas acreditativos vinculados á excelencia clínica.
Durante o evento fíxose entrega das placas BiC, así como un recoñecemento especial aos servizos que ostentan a acreditación Centro 5 Estrelas pola súa excelencia sostida no tempo. Entre eles está o centro de saúde da Estrada, que recibiu o diploma como Mellor centro de saúde 5 estrelas 2022-2024, unha distinción que reflicte o compromiso continuado coa calidade, a innovación e a atención centrada nas persoas.
Recolleron o galardón o xefe do servizo de Atención Primaria, Juan Sánchez Castro; a representante do equipo de Enfermería, Beatriz Fontela Sánchez; e a xefa de grupo administrativo, Mery Bermúdez Virgós.
«É un orgullo para nós este diploma 5 estrelas correspondente ao período 2022-2024. Un recoñecemento á excelencia que nos mantivo fóra da convocatoria dos premios BiC durante estes dous anos. Pero non foi unha pausa foi un barbeito. Un tempo fértil para seguir innovando, ampliando servizos e mellorando en todo o que facemos. Porque a excelencia non se mantén cultívase. E este ano volvemos. Que se vaian preparando», declarou o xefe do servizo da Estrada.