Usuarios da PO-213 urxen a limpeza e bacheado da vía

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Advirten que a sinalización está a quedar oculta tras a vexetación

26 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Usuarios da estrada A Estrada-Ponte Ulla (PO-213) e veciños da zona fan un chamamento público á Xunta, que é a titular da vía, para que asuma a limpeza das cunetas e a reparación das fochancas que salpican o vial.

Segundo aseguran, a administración autonómica «esquéncese novamente do mantemento mínimo, que é a limpeza da maleza das cunetas». Subliñan que, do mesmo xeito que se obriga aos titulares particulares das parcelas incluídas nas franxas de 50 metros situadas ao redor dos núcleos rurais, tamén a Xunta debería atallar a vexetación que nesta época do ano se desboca e que xa oculta boa parte da sinalización da estrada.

Os afectados consideran ademais que o esquecemento deste vial é «intencionado», xa que a Subida á Estrada, que tradicionalmente se celebraba durante o San Paio, trasladouse hai uns anos a agosto ou setembro. Cren que a administración, para evitar ter que limpar as cunetas dúas veces, optou por rozar só nas vésperas da proba.

Os usuarios destacan o perigo extras que supón a diminución de visibilidade nun vial xa de seu complicado polo seu trazado. Piden, ademais, que non agarde á celebración da proba automobilística para reparar as fochas do inverno.

Por outra banda, veciños da zona e usuarios do vial lembran que seguen agardando unha solución definitiva á inseguridade nun vial estreito e sinuoso con importante carga de tráfico pesado e que carece de beiravías para o tránsito peonil.