Educación e Aedeza avalían novos ciclos de FP na comarca

j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

A patronal incidiu na necesidade de persoal cualificado en varios campos

18 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión de traballo en Lalín co novo presidente da Asociación de Empresarios de Deza (Aedeza), Ramiro Mejuto, xunto a outros membros da súa directiva e o alcalde, José Crespo. Durante o encontro avaliáronse as necesidades de persoal cualificado que teñen as firmas dezanas, así como posibles vías de colaboración para dar resposta a esa demanda a través de novos ciclos de Formación Profesional. Todo iso co fin de promover a inserción laboral dese alumnado e o crecemento económico na comarca dezana.

Desde Educación remarcaban o éxito do modelo de Formación Profesional implantado en Galicia, cunha estreita relación co tecido produtivo a través de iniciativas como o plan Conecta FP Galicia 2023-2025. Román Rodríguez aludiu ademais na reunión ao esforzo investidor do seu departamento en Lalín, coa mellora e ampliación das instalacións do instituto Ramón María Aller. A esa actuación súmase o acondicionamento de espazos dedicados a ciclos formativos no IES Laxeiro, con ese obxectivo de impulsar este tipo de formación no municipio lalinense. Na actualidade ambos os centros contan con máis de 320 matriculados en trece ciclos diferentes de FP.