Os malvenidos

Annie Sánchez

DEZA

Hai unha curiosa contradición na nosa forma de entender a autoridade. Ensinamos aos nosos fillos que, se algún día teñen un problema, busquen a un policía ou a un garda civil. Pero, ao mesmo tempo, normalizamos un comportamento no que saudarlles resulta estraño, recibirlles xera incomodidade e a súa presenza adoita interpretarse como unha mala noticia. Quizá por iso este artigo titúlase Os malvenidos, porque moitas veces chegan para axudar e, con todo, son recibidos coma se fosen o problema.

No noso día a día é doado esquecer o seu traballo. Acordámonos deles cando vemos unha multa, cando cortan unha estrada ou cando interveñen nun conflito. De cando en cando pensamos en todas aquelas ocasións nas que a súa simple presenza evitou que o conflito chegase a producirse. A prevención ten un problema: nunca sae nas noticias. Ninguén celebra o delito que non ocorreu, a pelexa que non chegou a empezar ou o accidente que se evitou grazas a unha patrulla que estaba onde tiña que estar. E, con todo, esa é probablemente a parte máis importante do seu traballo.

A función das forzas e corpos de seguridade non consiste unicamente en sancionar condutas incorrectas. A súa misión principal é protexer as persoas e preservar a convivencia. A autoridade non existe para impor medo, senón para ofrecer seguridade. Cando funciona correctamente, non limita a nosa liberdade; faia posible.

Quen traballo en proxectos sociais coñecemos ben esa realidade. No centro xuvenil A Estación aprendemos que a seguridade tamén se constrúe desde a proximidade e que sen eles sería imposible exercer a nosa liberdade. Non só cando necesitamos axuda, senón cando participan activamente cos mozos, escoitan, orientan e axudan a crear ese sentimento de comunidade que toda sociedade necesita. Por iso, na nosa casa, sempre son benvidos, incluso cando veñen dicirnos que algo pode facerse mellor, porque unha corrección feita con respecto tamén é unha forma de coidar.

Quizais o problema sexa que confundimos autoridade con autoritarismo. Que convertemos calquera corrección nunha ofensa e calquera límite nun ataque persoal. Así, aos poucos, a figura de autoridade (desde un profesor na aula ata un policía na rúa) deixa de verse como un aliado e pasa a percibirse como un adversario.

Pero basta vivir unha situación de perigo para comprender a diferenza. Cando alguén entra a roubar nunha casa, desaparece un menor, unha persoa está a ser agredida, un ancián desoriéntase ou simplemente o medo chama á porta. Entón ninguén pensa en ideoloxías nin en prexuízos. Só agarda escoitar unha frase: «Xa imos cara alá».

Unha comunidade segura non é aquela que aplaude sempre ás súas autoridades nin a que as critica a diario. É aquela que entende o seu papel, esixe cando é necesario e valora o traballo cando o merece.

Quizá chegou o momento de deixar de tratar como malvenidos a quen tantas veces chegan cando peor o estamos pasando. Porque o día que necesitamos a súa axuda, descubrimos que sempre estiveron aí querendo axudar.