Corazón de Artesanía baixa o pano entre queixas por un erro de protocolo

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

En Vos Pendellos de Agolada vivirase hoxe a terceira e última xornada dunha edición de Corazón de Artesanía marcada polas altas temperaturas. Haberá a posibilidade de coñecer e adquirir as creacións orixinais de medio centenar de talleres artesáns vinculados aos oficios tradicionais. Ademais, terán lugar actividades paralelas como talleres, degustacións gastronómicas e actuacións musicais.

Pero a controversia xurdía tras o ocorrido no acto inaugural ao mediodía do venres. Acudía a concelleira do BNG, Susana Tato, atopándose sen asento, a pesar de que había un espazo reservado para autoridades co seu nome e apelido. Un erro de protocolo que para a formación nacionalista non supón unha simple anécdota nin algo sen importante, senón que «trátase dunha falta de respecto institucional cara a unha representante pública elexida democraticamente pola veciñanza de Agolada».

Consideran no BNG que un acto institucional desa relevancia «o mínimo esixible é garantir un trato igualitario e respectuoso a todos os membros da corporación». Agardan unha explicación do goberno local por este feito, para saber se foi unha neglixencia ou unha decisión consciente.