Pasou 20 días ingresada na uci tras varias operacións e un paro cardíaco a causa da enfermidade de Crohn
16 dic 2025 . Actualizado á 21:21 h.O 15 de novembro Sandra Troitiño estivo ao bordo da morte. O corazón falloulle días despois de ser operada de urxencia polo avance da enfermidade de Crohn, unha doenza que na maioría dos casos non chega a tal extremo, pero no desta lalinense de 43 anos estivo a piques de acabar coa súa vida. Sobreviviu a unha hora de parada cardiorrespiratoria, pero un novo paso polo quirófano tívoa vinte días na uci do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Tamén saíu adiante e agora conta a súa historia, recuperándose na casa, acompañada pola súa familia e cunha gratitude infinita aos seus salvadores.
«Teño moito que agradecer aos médicos, enfermeiras e celadores porque me coidaron xenial. A enfermidade de Crohn a min matábame e eles non se renderon. Hai xente que se queixa da sanidade pública, pero se non chegamos a ter isto...», conta emocionada. A súa historia é unha advertencia de que esta doenza pode converterse nun auténtico pesadelo.
«Eles non se imaxinaban que esta enfermidade chegara a ese extremo», explica Sandra, que hai case dous anos empezou cos síntomas. «Levaba moito tempo con dor abdominal, pero non continuo, coma unha gastroenterite. Chegou un momento que era unha dor continua, horrible e todos os días, como unha contracción cando estás embarazada», explica.
En maio deste ano diagnosticáronlle a enfermidade de Crohn, pero o tratamento lonxe de axudala, parecía empeorar as cousas. «Vomitaba e non podía saír de casa, tiña o abdome moi inflamado e perdín moito peso», lembra Sandra, que chegou a perder 30 quilos. «Os doutores dicíanme que era perigoso operar pola anemia que tiña», sinala. Finalmente, o 10 de novembro acudiu ao CHUS para unha consulta, pero non a deixaron saír. «A doutora cando me veu xa me dixo que non podía saír do hospital e preparáronme para operar», conta. Con este tratamento de urxencia foise recuperando, con máis apetito e forzas, pero «sen máis empecei a encontrar mal, menos mal que lle din rápido ao botón e me salvaron a vida», subliña.
Caso de estudo
Unha parada cardíaca dunha hora aproximadamente tívoa contra as cordas, sostida polo traballo dos facultativos. Afortunadamente repúxose, ata o punto de que pese ao tempo en parada, non tivo danos neurolóxicos. No entanto, esa noite volveu atoparse mal. «Non era o meu corazón, senón a enfermidade de Crohn. Tiña moita dor, os órganos funcionábanme fatal. Operáronme de madrugada, tres horas no quirófano. Sacáronme intestinos, un trozo de colon, o apéndice e ata un pedazo con necrose», relata Sandra cunha enteireza admirable.
De novo, contra prognóstico, non só se recuperou, senón que o fixo cunha rapidez inaudita. «É un caso raro que eles nunca viran, non imaxinaban que o Crohn chegara a facer tanto dano. Fun a visitalos o venres para unha consulta e xa me dixeron: aí ven a milagre do hospital», conta riseira.
«Dinme que é moi difícil que non quedara dano neurolóxico despois dunha hora en parada e tamén que espertara tan rápido. Nunca viran un caso así, de feito a anestesista pediume unha autorización para expoñer o meu caso en convencións médicas», apunta.
O día despois
Arroupada pola súa familia, Sandra aínda ten un longo camiño por percorrer. A súa vida cambiou radicalmente, pero pode contalo. «O medo está aí, os médicos dinme que non teña medo porque é case imposible que se repita, pero ás veces aínda non teño moita forza, sofócome e pensas...», explica.
«Agora teño un montón de consultas e vou ter que tomar tratamento de por vida. Animicamente é difícil porque agora teño as bolsas de ostomía, unha no colon e outra no intestino. Verte así custa moito, pero mellor iso que non contalo», sostén esperanzada e emocionada polo esforzo de quen a coidou: «Loitaron moito por min, coñecín a médicos que viñan a verme e dicíanme que non baixaron os brazos en ningún momento».