O CD Lalín golea ao Puebla e escala á segunda posición tras once partidos sen perder

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Pepa Losada

16 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Vitoria plácida do CD Lalín na visita do Puebla ao Cortizo. O conxunto adestrado por Dani Méndez foi moi superior en todo momento, deixando o marcador nun 4-1 que incluso podería parecer curto dadas as ocasións que gozaron. Eloy con dous goles e Manu Vilariño sentenciaron o choque á media hora, aínda que un penalti no tramo final do primeiro tempo obrigou a remangarse para a continuación.

«Foi o partido máis completo que fixemos e a mellor primeira parte que xogamos», asegurou Dani Méndez. O adestrador lalinense eloxiou o esforzo dos seus, reiterando a súa concentración desde o asubío inicial. «Sabiamos que picara o Ordes e que se gañabamos seriamos segundos, iso notouse desde o primeiro minuto. Saímos cun ritmo moi alto», explicaba.

Brais Calvo puxo o 4-1 final no 58, pondo o broche a unha actuación de prestixio que demostra o potencial dun equipo que non parece ter teito. «Todos os xogadores están a moi alto nivel, pónnolo súpers doado porque todos saen moi enchufados. Estamos nunha liña ascendente e imos polo camiño que pretendiamos», sostén Méndez.

O seu próximo rival será o pechacancelas, o Maniños. O técnico do CD Lalín chama a manter a concentración e non caer na relaxación. «Non nos podemos despistar, hai que saír coa mesma intensidade», advertiu. Este será o seu último duelo do ano, regresando o 11 de xaneiro contra o Betanzos na casa.

Números de marca

O refacho do CD Lalín é histórica. Non perden desde o 28 de setembro (2-0, ante o Ordes), sumando once partidos invicto de forma consecutiva. Co cambio de corpo técnico, os roxinegros suman 25 puntos de 27 posibles. A do Puebla foi a quinta vitoria seguida, deixando o seu último empate en Paiosaco, o pasado 9 de novembro (0-0). Son segundos, aínda a cinco puntos do Negreira, líder implacable, pero o máis positivo é que deixan o corte do «play off» á mesma distancia. Para tomar perspectiva, a tempada pasada sumaron 26 puntos na primeira volta, agora son 33 á falta de dous partidos.