Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

O Estradense comeza o «tramo máis difícil» da tempada

D. Cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Mídense hoxe ao Montañeros, unha das revelacións da liga

06 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«Encaramos o tramo máis difícil da tempada, en decembro e xaneiro só xogaremos dous partidos na casa. O deste finde é un partido fundamental». Con estas palabras Manuti, adestrador do Estradense, mostraba o enorme valor de lograr unha vitoria hoxe na visita do Montañeros no Municipal (12.00 horas). Os rojillos entran nesta nova etapa cunha suma de puntos menor da debida. «É unha pena non chegar con máis puntos, tiñamos que facelo», apuntaba o técnico.

Por outra banda, o Estradense terá a partir de agora tres saídas moi complicadas para engadir máis pementa ao particular Tourmalet dos rojillos. «Temos tres viaxes moi longos e contra equipos duros como Somozas, Viveiro e Barco», sinalou Manuti. Reiterar que o desta mañá é o último partido do ano como local para o Estradense, que volverá atoparse cos seus afeccionados o 11 de xaneiro contra o Compostela.

Cinco baixas

Para o encontro contra o Montañeros non poderán contar con cinco xogadores, entre eles Brais Vidal, que se perde o partido por sanción, ou Ángel, que tivo unha rotura de fibras e estará polo menos un mes de baixa. Sobre os coruñeses, Manuti recoñeceu que é «un dos mellores equipos da liga».

«É un rival de moito nivel, queren plantarse como unha referencia na súa cidade e están moi preto de nós, se nos gañan, pásannos», explicou o técnico, que tamén encomiou o seu xogo. «Gústame moito como expoñen os partidos, é dos equipos que máis propón. Igual como son recentemente ascendidos non teñen a regularidade do Arousa ou o Somozas, pero para min van quedar entre os oito primeiros», asegurou.

A pena para Manuti é non chegar a este partido crucial con máis puntos, lembrando que chegan tras tres empates e unha derrota en catro partidos. Considera que mereceron maior puntuación para gozar dun pequeno colchón de cara ao próximo mes de competición.

Doutra banda, respecto ao tipo de fútbol do Montañeros, que é similar ao do Estradense pola súa proposta, o adestrador advertiu que non é un equipo propicio para os rojillos. «Non nos vén nada ben, son moi bos», subliñou Manuti. O equipo ocupa a última praza de play off, a quinta, con 18 puntos.