A Estrada premiará a traxectoria de Alfonso Sanmartín na Gala do Deporte do día 22

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Non dispoñible

A festa do deporte local recoñecerá a 15 persoas ou entidades do sector

26 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O estradense Alfonso Sanmartín Carbón recibirá o próximo 22 de decembro un premio á súa traxectoria deportiva no marco da sétima edición da Gala do Deporte. A súa elección foi a única que transcendeu tras a reunión mantida a noite deste luns polos integrantes do xurado conformado para escoller ás persoas e entidades que recibirán este recoñecemento público na gran festa do deporte local.

O xurado, integrado polo concelleiro de Deportes, Ismael Pena; o técnico municipal da Estrada Deporte, David Carballo, e os concelleiros Amalia Goldar, Belén López, Sindo Villamayor e Mar Blanco, validou as candidaturas para todas as categorías e aprobou de forma unánime as catro mencións honoríficas para a presente edición. Tanto os gañadores de cada sección como as mencións de honra faranse públicos no transcurso da propia gala. Esta arrincará o 22 de decembro ás 20.00 horas, no Teatro Principal.

Houbo tamén unanimidade á hora de escoller á persoa que recibirá o Premio á Traxectoria. Alfonso Sanmartín Carbón estivo nos últimos 36 anos moi ligado ao baloncesto local. Despois de formar parte da directiva do CD Estradense na sección de Baloncesto, tomou as rendas do mítico EDM, ata a recente disolución do club. Sanmartín Carbón estivo sempre moi implicado na promoción desta práctica nas escolas deportivas, fomentando a paixón polo baloncesto nas idades temperás.

Na categoría de Mellor Deportista Masculino, os candidatos son: Javier Martínez Carracedo (automobilismo), Alejo Keko Ferreiro (surf) e Samuel Tato (yudo). En Mellor Deportista Feminina, Iziar Barcala (bádminton), Arauia Ao Bachere (atletismo) e Dori Carbia (culturismo natural). O título de Mellor Deportista Masculino Base disputaranllo Darío Míguez (bádminton), Joel Castro Toledo (loita tradicional) e Andrés Carballeda (salvamento) e o de Mellor Deportista Feminina Base, Aroa Martínez (ximnasia), Candela Fajardo (tenis) e Paula Pena (salvamento).

 Na categoría de Deportista ou Club Revelación os finalistas son: Liberdade Morais (yudo), Aya Nabaoui (kárate) e Carla Pintor (atletismo).

O premio 2025 ao Mellor Adestrador será para Sofía Mosteiro (Club Ximnasia), Marcos Otero (Atletismo A Estrada) ou Manuel González Beceiro Manuti (CD Estradense) e na categoría Mellor Club 2025 os finalistas son Atletismo A Estrada, Club Tenis Recreo Cultural e CNS A Estrada.

 O premio ao Mellor Equipo quedará entre o CD Estradense, o Club Tenis RC Absoluto Feminino A ou o Club Bádminton A Estrada, mentres que o galardón ao Mellor Evento Deportivo será para o VIII Campionato Infantil de Judo (Judo Club Base), o XXI Trofeo Baile Deportivo (CBD Sondodance) ou o XIV Raid Hípico Festa do Salmón (Socade).

Para rematar, como entidade de Apoio ao Deporte os finalistas este ano son Sometal SLU, Start Motor e o Restaurante Río Liñares

Na Gala do Deporte daranse a coñecer ademais as catro mencións de honra, que foron aprobadas de forma unánime. 

Reserva de entradas

A entrada á Gala do Deporte será gratis pero, por motivos de capacidade, é necesario retirar a invitación no departamento de Deportes, situado na cuarta planta do Concello. As entradas para o público xeral estarán dispoñibles a partir do martes día 9 de decembro, despois da asignación das localidades reservadas para os clubs e deportistas.