O capitán do Balonmán Lalín, que xoga esta tarde contra o Novás, tomou a decisión cando renovou no verán
15 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.O capitán do Balonmán Lalín, Ramón Gil, colgará as botas despois de 25 anos dedicado en corpo e alma ao deporte que ama. Unha traxectoria que fixo de xeito practicamente íntegro no equipo dos seus soños, coa excepción dunha tempada no Cisne. A decisión tomouna no verán, cando renovou por un ano cos roxinegros. Fisicamente está ben, pero a disciplina diaria que esixe a competición pásalle factura despois de tanto tempo.
«Vou botar de menos a competitividade, pero a rutina igual non. Levo desde os cinco ou seis anos xogando ao balonmán e adestrando catro ou cinco días á semana e o sábado a xogar. Necesitaba baixar o ritmo nese aspecto, fisicamente estou ben, podería seguir xogando, pero a cabeciña tira máis», recoñece.
Con todo, a decisión non foi doado. «Era algo que tiña moi en mente, faleino co adestrador, a directiva e á miña xente. Despois de tanto tempo xogando o corpo pide unha pausa e aínda que foi unha decisión meditada, custa deixalo», asegura.
Ramón, que no 2026 cumprirá 32 anos, reitera as dificultades para compaxinar a súa vida persoal, laboral e deportiva, pondo como exemplo doado de entender as viaxes a Canarias. «Ao principio faiche ilusión, pero é unha paliza. Tes que pedir un día no choio para viaxar e o domingo cando chegas a Lalín estás moi canso. Hai que lembrar que desto non vivimos», explica.
Vivindo un soño
Sabendo que está a xogar os seus últimos partidos, Ramón prefire afrontalo con naturalidade e non darlle demasiadas voltas. «Intento seguir coma sempre, pero a finais de abril tócame o meu San Martiño (ri). Procuro pensar pouco niso e non darlle importancia», asegura.
Coa retirada tamén chega o momento de facer balance e botar a vista atrás. Ramón, de novo, asúmeo con franqueza. «Marchei un ano ao Cisne porque apetecíame unha experiencia nova. Podería ter acabado en Asobal ou facelo tan mal que nin me quixera o Lalín, pero arrepentirse de cousas que no fixeches é traballo en balde. O meu soño de pequeno era xogar no primeiro equipo e conseguino», detalla.
Finalmente, o capitán do Balonmán Lalín destacou o verdadeiramente importante neste periplo. «Lévome moitos amigos para toda a vida, e a miña parella coñecina por amigos en común do balonmán», apuntou.
Os roxinegros volven verse as caras co Novás
No 2021 foi a última ocasión na que o Balonmán Lalín xogou no Rosal contra o Novás. Un duelo que se repetirá esta tarde a partir das 19.00 horas (Youtube). Ramón advertiu sobre o gran nivel do rival, claro favorito para o ascenso: «Leva primeiro dende a primeira xornada e creo que vai ser o seu posto de aquí ata o final». No entanto, cre que poden porlles as cousas difíciles, lembrando aos canteiráns que é «un partido moi bonito de xogar».