«Non esperaba vencer, pero unha vez estás alí, é cuestión de botarlle gañas»

D. COFÁN LALÍN / LA VOZ

DEZA

CEDIDA

O lalinense Guillermo Sobrado gañou o torneo Villa de Madrid de loita

29 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O pasado sábado o talento dezán brillou no Torneo Villa de Madrid de Loitas Olímpicas, unha competición que congregou a máis de 400 deportistas de todo o país e na que dous loitadores do Keltoi de Vila de Cruzamentos subiron ao podio. Un foi Joel Castro, que conquistou a medalla de prata en 60 quilos sub-17, e o outro foi Guillermo Sobrado, que se proclamou campión do torneo dentro da súa categoría. O loitador lalinense empezou a tempada do mellor xeito posible, impóndose nunha cita prestixiosa que marca o camiño cara ao Campionato de España.

Participou na categoría de menos de 80 quilos sub-17, logrando unha vitoria que ao principio non agardaba. «Xa fora varias veces e non gañara nunca. A verdade é que esta vez tampouco o esperaba, pero cando estás alí empezas a confiar en ti e é cuestión de botarlle gañas», comenta con sinxeleza. Guillermo contesta o teléfono desde Pontevedra, onde se atopa adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Alí leva en dinámica desde hai tres anos, asumindo unha responsabilidade impropia para un rapaz da súa idade. «Ao principio foi duro, pero vaste acostumando pouco a pouco. É unha experiencia moi boa», recoñece o mozo de 16 anos. Centrado en mellorar como loitador, o seu día a día baséese en estudar e adestrar. «Durmo na residencia e adestro tres días pola mañá e todas as tardes de luns a venres», explica Guillermo, que as fins de semana regresa á capital dezana para estar coa súa familia e amigos.

«É difícil vivir disto»

A pesar de a súa mocidade, sen dúbida ten a cabeza ben amoblada. Guillermo Sobrado é moi consciente do complicado que é gañarse a vida no ámbito das loitas olímpicas, polo que tamén se empeña en sacar adiante os seus estudos. «É moi difícil vivir disto, tes que estudar algo máis», sinalou. De momento exponse estudar algo relacionado coa Educación Física.

Respecto ao porqué de penetrarse no mundo da loita, Guillermo recoñece que se enganchou aos 5 anos como unha alternativa interesante aos deportes clásicos. «No pobo hai poucas opcións e chamoume a atención. Empecei aos 5 anos», comenta. Desde entón e ata o seu ingreso no CGTD, o loitador lalinense acudía asiduamente a Vila de Cruzamentos para adestrar co seu equipo, o Keltoi.

Obxectivos

Para afrontar o torneo Villa de Madrid, Guillermo subiu de peso, competindo nunha categoría superior. O salto saíulle que dá xenio, o que lle dá moito ánimo para os retos desta tempada. «Os obxectivos son gañar o campionato de España e ir ao Europeo», conta o loitador lalinense, que acumula catro participacións no Nacional e soña con debutar este ano na cita internacional.