Carlos Gómez estará a cargo dun negocio que agarda abrir en Nadal
23 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O café Vasan, situado no número 6 da rúa Justo Martínez, volverá abrir as súas portas nos próximos meses cun cambio de look, de concepto e de xerencia. O céntrico negocio, que botara o peche a finais de xuño, reabrirá agora da man de Carlos Gómez Figueiras, Cepas, un dos máis experimentados profesionais da hostalería estradense.
Carlos Gómez (A Estrada, 1972) ten previsto facer unha reforma de calado nun local que ofrece grandes posibilidades, xa que ademais do espazo habilitado ata o de agora como bar conta cunha parte posterior —onde no seu día funcionou o parque infantil Brincadeira— susceptible de ser incorporada para o uso hostaleiro. Ademais, o negocio atópase en pleno centro neurálxico, nunha rúa semipeonil con boas opcións para despregar terrazas.
As obras do local xa comezaron, coa intención de poder abrir ao público o novo negocio no próximo Nadal. O promotor prefire non avanzar demasiados detalles do novo negocio, pero comenta que será un local de cafés e almorzos e que está previsto incorporar tamén algunha opción de comida ou picoteo.
40 anos de experiencia
Carlos Gómez leva catro décadas curtiéndose no sector, no que empezou con tan só 13 anos facendo extras como camareiro en vodas e banquetes. «Era outros tempos», lembra. A pesar de a súa curta idade, a súa seriedade e a súa capacidade de traballo convertérono enseguida no empregado perfecto para calquera evento. Por iso a Carlos nunca lle faltaron oportunidades de emprego.
«Con 15 anos empecei a traballar tamén de carpinteiro na de Campuzano e despois conseguín tamén un contrato estable na sala de festas Lennon», lembra. Foron anos de traballar arreo. «Pola semana traballaba na carpintería e a fin de semana na hostalería. Os venres e os sábados pola noite estaba de camareiro na discoteca Lennon, o domingo a mediodía ía servir vodas á Sala Gradín e pola noite volvía á Lennon», comenta. «Daquela era factible compaxinar todo porque as vodas eran case sempre os domingos a mediodía porque os sábados había que muxir e os domingos a xente tiña que marchar cedo para seguir traballando», explica Carlos Gómez.
O hostaleiro lembra con certa añoranza aquela época de traballo e mocidade na que había enerxía para o que fixese falta. «Se viñeran de volta aqueles tempos...», di rindo.
Carlos Gómez emprendeu a súa primeira aventura empresarial sendo un veinteañero. Fíxoo ao lado doutros dous compañeiros que traballaban cóbado abacelo con el na sala de festas Lennon: Alfonso Calvo e César Rodríguez. A raíz dunha reivindicación salarial que nunca chegou a ser atendida, os tres estradenses deixaron a discoteca e lanzáronse a emprender. Foi así como naceu a taberna Adega Vides, un negocio con bos viños e tapas que estaba emprazado na rúa Serafín Pazo.
O hostaleiro deixou a sociedade un ano despois para volver á carpintería e a Sala Gradín, «que foi realmente a miña cuna, onde aprendín todo». Un problema cos vernices obrigoulle aos dous anos a deixar a carpintería definitivamente e animouno a montar unha cuadrilla de camareiros coa que gañou a vida ata hai un ano. «Aínda non me desenganchei de todo. Non son capaz e penso estar aí apoiando sempre», explica.
Un directivo do Estradense cun mote cariñoso
Ademais de dar o callo no traballo, desde hai uns anos Carlos Gómez veu implicándose tamén na vida social estradense. Foi integrante das comisións de festas do San Paio nos anos 2024 e 2025, con Manuel Gañete como presidente, e é integrante da directiva do Club Deportivo Estradense, na que é responsable de Eventos. A Carlos moitos coñéceno en realidade como «Cepas», un sobrenome cariñoso co que o bautizou un amigo. «Xogabamos ás cartas xuntos e cada vez que perdiamos chamábame ‘ceporro’. Entre eso e que daquela montara a Adega Vides, quedoume o de ‘cepas’. Non me molesta en absoluto. Ata hai quen me aconsella que lle poña ese nome ao bar», conta.