Exhibición do Estradense ante o Alondras: «Foi o mellor partido da tempada»

D. C. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Manuti destacou o reforzo anímico que supón o triunfo ante un rival directo

21 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Vitoria espectacular do Estradense na visita do Alondras ao Municipal. Os rojillos descorcharon o tapón anotador con catro dianas ante un dos equipos chamados a pelexar polo ascenso. Carabán, Dani Pedrosa (2) e Alex Delgado foron os autores dos tantos nunha vitoria que os coloca quintos a cinco puntos do Compostela, que lidera a clasificación.

Para Manuti foi «o mellor partido da tempada», subliñando que «puideron ser máis» os goles anotados por un equipo que esta vez atopou portería e fluidez no xogo. «Fixemos un gran partido, necesitabamos este reforzo», declarou. Neste sentido, recoñeceu que axudou o estilo atrevido do Alondras. «Axudou que o rival viñese xogar de ti a ti e que houbese espazos», indicou Manuti, que tamén eloxiou as virtudes dos seus. «Presionamos moi ben e recuperamos en zonas altas», dixo.

Para o adestrador do Estradense non houbo un detalle significativo respecto a outros partidos, baseando a melloría no paso do tempo para que as pezas se axusten. «É unha tempada na que cambiamos a moitos xogadores, sobre todo da parcela ofensiva. Necesitan tempo para compenetrarse. O centro do campo está moi traballado porque son os mesmos, pero arriba cambiou todo», apuntou Manuti.

O técnico da Estrada sinalou tamén a mocidade como outro factor para ser pacientes. «Son moi mozos e iso é bo porque chegan con moita fame, pero tamén necesitan tempo para afianzarse. Ter vitorias así axuda moito, é o rival máis duro contra o que xogamos e gañamos 4-0», advertiu.

Unha lesión e un regreso

A mala noticia foi a lesión de Ian, que sufriu un problema muscular. «Non sabemos moi ben que ten, agardemos que sexa pouco e estea só un par de semanas parado», explicou Manuti, quen asegurou que Landeira podería reincorporarse esta semana aos adestramentos.