O Estradense sofre de novo un revés ante o Silva e o seu empate faille caer á quinta praza

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

30 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O campo da Grela parece estar maldito para o Estradense. Este pasado domingo repetíase a historia vivida na liga 2024-2025 e os rojillos non lograban pasar do empate ante o Silva. Se en pretemporada dobregaban aos coruñeses por un exiguo 1-0 na casa, nesta ocasión non pasaban a domicilio da igualada a un ante o pechacancelas.

O Estradense lograba impor no arranque do choque o seu estilo de xogo, xerando máis ocasións que o rival. Unha delas materializábaa Dani Pedrosa, que está a erixir no máximo goleador do equipo xa con catro dianas. A nota negativa protagonizábaa Carabán, que tivo que ser substituído a poucos minutos do descanso por unha lesión.

Na segunda metade intentou apertar máis o Silva co seu fútbol directo, aproveitando as reducidas dimensións do seu campo. Tiveron algunhas opcións e ao final lograron bater a portería defendida por Isra cando quedaban menos de dez minutos para o final. Os rojillos tiveran algunha opción de ampliar a súa vantaxe e incluso de decantar o marcador ao seu favor tras o igualada pero remataron sumando só un punto na súa marcadora. De novo houbo sensación de que mereceron algo máis.

O empate provoca que o Estradense caia á quinta posición na clasificación, con oito puntos tras catro xornadas disputadas e aínda imbatidos. O seu próximo rival en liga será este domingo na casa ante o Gran Peña, que está na zona baixa con só tres puntos.