Dende o Museo Casa do Patrón, queremos render a nosa humilde, pero sentida homenaxe a Hortensia Taboada Cachafeiro, «a Tecedeira de Zobra», neste intre de tristura polo seu pasamento, que queremos compartir cos seus familiares e amigos, e, por suposto, cos veciños de Zobra, que tanto cariño lle profesaron ao longo da súa vida.
É de xustiza manifestar publicamente o noso máis profundo respecto, admiración e agradecemento a esta muller excepcional, tanto no eido persoal, sempre cun trato afable, familiar e cheo dunha inesgotable hospitalidade para todo o mundo, como na súa profesión de tecedeira de rango internacional, dignificando esta nobre profesión, que ademais de ser distinguida un par de veces como lalinense do ano (toda unha vida), ben podería considerarse a «Tecedeira Maior do Deza», erixíndose tamén nun dos paires básicos das famosas Pandeireteiras de Zobra, contribuíndo activamente á dinamización cultural da súa parroquia, dun xeito silencioso e discreto, pero continuado e arrollador.
Foi ela, xunto co resto de mulleres e homes da Asociación de Zobra, a raíz dun convenio de mutua colaboración asinado co Museo, os que nos levaron da man para dar os primeiros pasos polo vieiro do cultivo e transformación do liño, hai máis de 25 anos, sendo dende entón grandes e leais colaboradores da Malla Tradicional e da Recreación do Proceso do Liño ata o día de hoxe, mostrándonos en todo momento o seu total apio e o maior dos afectos.
Aínda que a cultura galega agora está de loito pola partida da nosa benquerida Hortensia, e coa esperanza de que «a morte non é unha luz que se extingue, tan só é unha luz que se apaga porque acaba de saír o sol», quédanos o inmenso agasallo do seu eterno legado, todo un exemplo de valentía, afrontando estoicamente a prematura morte da súa única filla, de convivencia, xenerosidade e transmisión desinteresada de saberes, tanto da cultura material como da tradición oral da zona, que pasarán á historia, grazas á súa labor altruísta e solidaria, demostrando con feitos que a xente como ela é a que realmente está a construír Galicia.
Como se dunha premonición se tratara, o pasado 15 de agosto, co gallo da actuación do noso grupo de gaitas Os Trasnos, na Residencia do Irixo, tivemos a honra de emocionarnos, compartindo con ela a penúltima cantiga, «La mimorena», que tantas veces entoamos xuntos outrora. Case sen decatarnos, estabamos a facer realidade a letra doutro cantar seu que remataba cunha estrofa, que resume a súa vida: «Que bonita despedida, que me despido cantando!».
Todos os visitantes do Museo Casa do Patrón deben saber que poden gozar da gran beleza dun tapete de grandes dimensións feito no seu tear, que coidamos como ouro en pano, polo que representa, co que nos agasallou no ano 1999, que preside na súa honra a nosa sala do liño, unha das mostras máis completas de Galicia no seu xénero.
Ata pronto, querida compañeira de viaxe e mil grazas por ser luz e guía para tanta xente da nosa Terra!.