A Xunta declina fixar prazos para a mellora das vías de servizo da PO-533 en Deza
DEZA

A Consellería de Vivenda e Infraestruturas acaba de responder a unha iniciativa do grupo parlamentario do BNG respecto ao estado das vías de servizo da PO-533 entre Lalín e o Alto do Faro, en Rodeiro. Na contestación lémbrase á formación nacionalista que nesa estrada acometéronse melloras nos anos 2012, 2015 e, para rematar, no 2020. A previsión do departamento autonómico pasa pola revisión do estado do firme da PO-533, así como dos camiños de servizo, durante este ano para incluílos nun proxecto de reforzo pero sen fixar prazos para a reparación.
As vías de servizo entre Lalín e Alto do Faro permiten desviar o tráfico pesados e os vehículos agrícolas da PO-533, xa que son moi frecuentes nesa zona pola presenza de explotacións agrogandeiras. O firme nos dous camiños alternativos está en precarias condicións, con tramos onde os vehículos deben incluso reducir a velocidade para poder transitar dado a súa mal estado. Por ese motivo o pasado outubro interesábase o BNG no Parlamento de Galicia por posibles actuacións para a súa reparación, pero a resposta chega nove meses despois e resulta desesperanzadora, como apuntaba onte a deputada nacionalista Ariadna Fernández.
Desde o BNG consideran que as vías de servizo quedarán intransitables se non se actúa pronto, cuestionando que desde as melloras puntuais do firme de hai cinco anos, só na propia estrada comarcal, non se fixo nada por parte da Xunta. Cren que se o plan pasa por realizar unha revisión e logo un informe que inclúa eses viais, a elaborar no que queda do ano, o arranxo do firme podería demorarse en exceso no tempo.
Demandan que a revisión da PO-533 e os viais de servizo acométase de forma inmediata, así como a súa mellora, xa que se trata de infraestruturas básicas para unha comarca gandeira como a dezana. Rodeiro, Dozón e Lalín benefícianse destas infraestruturas para o tráfico pesado.