
O goberno local traballa no contrato para licitar as obras
11 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.A demolición da antiga sede do Instituto Nacional de Emprego (INEM) da Estrada acometerase tras o verán. O goberno local está a ultimar o proxecto e o contrato para adxudicar esa derriba. O rexedor, Gonzalo Louzao, explicou onte que a pretensión municipal é acometer eses traballos a partir de setembro ou outubro. A intervención requirirá un investimento ao redor dos 50.000 euros, para converter en soar o espazo que agora ocupa en edificio e onde se pretende construír nun futuro a nova sede de Servizos Sociais.
Hai xusto un ano que ese inmoble situado no número 52 da avenida Benito Vigo pasou a engrosar o patrimonio público municipal. Despois de diversos intentos cristalizou a compra desa antiga sede do INEM, xa moi deteriorada por anos sen uso, por parte do Concello ao Goberno central. Agora ultímase o proceso para demoler a construción case en ruínas e deixar vacante o terreo que ocupa, ademais de proceder ao tratamento dos residuos que se xeren. Despois comezarán a darse pasos para deseñar como será a futura sede de Servizos Sociais e quizais valorar que, mentres tanto, póidase destinar a parcela a outro fin como un aparcadoiro disuasorio.
O edificio vinculado ao servizo de emprego quedou sen actividade no 2007, ao trasladarse esas xestións ás dependencias que agora seguen ocupando na rúa Justo Martínez. O inmoble tiña asociado un dereito de uso por parte de sindicatos e patronal, abríndose un dilatado proceso de tres lustros de negociación que rematou co acordo de compra ao Ministerio de Traballo do inmoble cos terreos que ocupa, nunha cifra fixada en 126.609 euros. O Concello custeou ese pago a través de fondos da Deputación co plan +Provincia.
Xa no momento da adquisición valorouse o custo económico da derriba, en cuxo proxecto está agora inmerso o goberno local. O céntrico soar pasará a estar ocupado por un centro integrado para Servizos Sociais, coa pretensión de lograr financiamento para a súa execución a través de fondos europeos. A proposta presentada para optar a esa vía establece un investimento de 2,5 millóns de euros para materializar o proxecto.
Ese futuro edificio terá ademais espazo para «unha unidade administrativa que temos no soto do Concello, outros servizos que están orfos de instalacións», apuntou onte Gonzalo Louzao. Aludiu tamén a incluír o servizo de Atención Temperá, o Banco de Alimentos ou locais para colectivos, entre elas para a Asociación Española contra o Cancro. O rexedor afirmou que será «un espazo do século XXI para uns Servizos Sociais do século XXI». Todo iso apostando pola innovación social e a coordinación de todas as prestacións dos profesionais da área social, nunha contorna segura e privada