
O veciño de Taboada que resultou ferido permanece ingresado no Clínico
03 jul 2025 . Actualizado á 21:00 h.Silleda despide este venres con dor a Claudio Conde Torres, de 84 anos, e á súa esposa Milagros Núñez Pampín, de 82 anos, que faleceron no accidente de tráfico ocorrido a tarde do mércores na Nacional 640, á altura do lugar de Rellas, en Silleda. Os corpos dos dous esposos están a ser velados na sala número do tanatorio Albia de Silleda, fronte a Nudesa, onde chegaron a última hora da mañá deste xoves tras serlle practicada a autopsia en Santiago.
A parella, que vivía na súa casa de Martixe, será enterrada este venres, no cemiterio desta parroquia, en cuxa igrexa se oficiasen os funerais. Está previsto que a comitiva fúnebre saia do tanatorio ás 17.00 horas cara á igrexa de San Cristóbal de Martixe. O tráxico accidente conmocionou aos veciños de Silleda e de toda a comarca que onte expresaban á familia dos falecidos o seu pésame. As redes sociais enchéronse tamén de mensaxes de condolencia por esta traxedia que deixa orfos aos tres fillos da parella e sen avós aos seus catro netos.
O matrimonio viaxaba nun turismo que saía da estrada de Escuadro e que chocou cun coche que circulaba pola N-640 e cuxo condutor, tamén veciño do municipio, neste caso de Taboada, resultou ferido grave. Sofre varias fracturas e atópase ingresado no hospital Clínico de Santiago onde se repón non só das súas feridas senón tamén do impacto dunha traxedia que lle deixou moi afectado.
Este xoves os axentes de atestados da Garda Civil de Tráfico do Subsector de Pontevedra entregaban no Xulgado de Lalín o correspondente informe do sinistro. Produciuse unha colisión frontolateral entre os dous turismos. O do veciño ferido circulaba pola N-640 e o matrimonio saía da estrada de Escuadro.
Deficiencias
O accidente puxo sobre a mesa as queixas de veciños e de usuarios da Nacional 640 na zona que se queixaban do mal estado dunha estrada na que, din, abundan os sinistros de tráfico. Vecinos e condutores botaban en falta un mantemento que, indicaban, era practicamente nulo nesta estrada de titularidade estatal. As queixas incluían unha sinalización deficiente na zona e un firma, dicían, esnaquizado. Unha situación á que se engadía a falta de roza das cunetas que restaban visibilidade en cruces como o de Escuadro.
Quince meses sen sucesos mortais nas estradas
O accidente de Rellas acaba cun refacho de algo máis de quince meses sen mortes nas estradas interurbanas da zona. Desde a Garda Civil de Tráfico apuntaban onte que, desgraciadamente, este foi o primeiro suceso mortal no que vai de ano nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de montes.
O último que houbo que lamentar na zona, ata o falecemento do matrimonio de Martixe, foi o de Nadia Pereira Souza, unha muller de 37 anos que perdeu a vida unha madrugada do mes de marzo do 2024 tras ser atropelada por un camión.
O suceso, aínda que en terras de Agolada, tamén se produciu na Nacional 640. Neste caso tivo lugar na madrugada do 18 de marzo no quilómetro 147,2 da Nacional 640 nunha recta á altura da queixaría Lácteos Farelo en dirección Lugo. O accidente ocorreu ás 4.40 horas da madrugada. A muller deixou catro fillos, a menor de dous anos, e no momento do suceso ía ser avoa.
Tamén na Nacional 640, preto de onde perdía a vida esta veciña, produciuse no 2020 outro accidente mortal que lle cortou a vida ao ex edil de Agolada, Alberto Vilariño Coego, que circulaba en bicicleta pola Nacional 640 e foi atropelado por un camión que se deu á fuga o 17 de novembro dese ano. O corpo foi atopado a iso das 13.15 horas por outro ciclista que circulaba pola zona nunha xornada asollada. O camioneiro foi localizado máis tarde e xulgado.