
José Suñer Oriola axudou a Vilatuxe a preparar unha obra propia, que tocarán en Valencia
03 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Palau da Música da Coidade de Valencia será escenario do 16 ao 20 de xullo do prestixioso Certame Internacional de Bandas de Música, ao que concorrerán 53 sociedades; entre elas a Banda de Música de Vilatuxe (Lalín), que competirá na Sección Primeira. A formación lalinense, inmersa na preparación dunha das citas importantes deste mes, recibiu a pasada fin de semana a visita de José Suñer Oriola, autor da obra «Enuma Elis»; a peza libre que foi elixida pola formación para a súa interpretación o próximo día 19.
Suñer Oriola, que anunciou a súa presenza no certame valenciano, encomiou o traballo que está a levar a cabo a Banda de Vilatuxe, integrada na súa maioría por músicos moi mozos. «É unha banda súpers preparada, e non soamente polo seu director Víctor (Vilariño), senón tamén por todos os antecesores que pedra a pedra, e aos poucos, conseguiron dar forma a esta formación. Foi unha sorpresa máis que grata o que presenciei, axudei no que puiden, pero dentro da creatividade propia da banda».
A peza de José Suñer, que tocará a agrupación lalinense en Valencia, estreouse na Sección de Honra de Valencia e no Certame Nacional de Noruega por parte da banda máis prestixiosa do Xapón, segundo relatou o propio autor, todo iso antes de que faga o propio Vilatuxe, sendo unha composición relativamente recente do ano 2024. Agradecido mostrábase o compositor valenciano polo feito de que unha obra súa fose escollida por unha formación galega; «tedes a sorte de ter unha potencia en bandas. Galicia ten un recoñecido prestixio no mundo bandístico, e non hai máis nada que escoitar ás bandas de Vilatuxe, Silleda, Lalín, Merza,... Tedes moitas agrupacións con grande calidade, e cando veñen a Valencia deixan patente esa calidade, así que é un pracer que escollesen a miña obra e agradezo que dediquen parte do seu tempo para interpretar música». Non deixou de recoñecer a complexidade da súa composición «Enuma Elis», que dentro da catalogación de dificultade elévase ao máximo nivel de esixencia musical.
A calidade interpretativa achada nos músicos da Banda de Vilatuxe inspíranlle moito optimismo para a difícil proba do certame internacional. «Teño boas sensacións, e soamente a mirada de ilusión dos rapaces xa o vale todo. Un premio é seguro: o simple feito de realizar un proxecto como o que fai Vilatuxe, con ese bo ambiente e sociabilidade xa é o mellor premio. Se despois veñen máis cousas... pois mellor, pero teñen nivel para conseguir un gran premio», apuntou.
Á espera da celebración da devandita cita, o anhelo de Suñer radica en que as formacións sigan protagonizando vida propia en cidades e pobos; «a verdade, teño a ilusión polo menos, e atreveríame a dicir que se non hai un cambio radical, que o mundo bandístico vai emerxer moito máis do que é. Por sorte vexo que está a florecer o aspecto sinfónico, que o tedes en Galicia e en España, e na literatura propia de banda».