O BNG de Lalín denuncia a redución do horario do Museo Ramón María Aller que a partir de agora abrirá soamente de martes a sábado durante cinco horas e media ao día, o que significa que estará pechado os domingos e os luns. A responsable local, Mari Fernández, apuntou que aínda que a maior parte dos museos non abren os luns, si poden ser visitados tanto os sábados como os domingos, facilitando desta forma que os turistas poidan coñecer o patrimonio cultural da zona que visitan.
Fernández demanda ao goberno local a ampliación do horario entre semana e a súa apertura tanto sábados como domingos. Os nacionalistas quéixanse tamén da situación de precariedade de persoal que, din, vén sufrindo o Museo desde hai anos. Lembran que en breve xubilarase unha técnica que leva prestando servizos desde hai décadas e que outro técnico de cultura xubilouse fai un par de anos. Nese caso, apuntan, «non foi ata un ano despois, en xuño de 2024, que o goberno municipal convocou un proceso selectivo para a provisión desde posto de traballo mediante un contrato de interinidade». Sinalan que ese proceso non acabou ata marzo deste ano coa contratación dunha traballadora que está a cubrir o posto de forma interina e que esa nova técnica de cultura «non presta os seus servizos no Museo, senón nos servizos económicos municipais».