O Lalín Area vístese de festa para o 40 aniversario de Feiradeza

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

29 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Feiradeza vestirá de gala o Lalín Area do 4 ao 6 de xullo na que será a súa edición número 40. Os programas xa están na rúa e onte as actividades foron presentadas polos edís Avelino Souto e Marcos Mariño, así como polo presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manuel Manteiga.

Este ano mantense o horario nocturno para facilitar a asistencia de público e tamén en busca de algo máis de fresco, dadas as previsións de calor. Feiradeza inaugúrase o día 4 ás 19.00 horas e o día 5, á mesma hora comezarán os concursos de vacas de leite e os campionatos do Open Internacional de Raza Frisoa. O día 4, o gando poderá entrar ao recinto desde as 8.00 ás 15.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas dispútase o XXX Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. O día 5, ás 10.00 horas, terá lugar o certame para as seccións de xatas e xovencas e ás 16.00 horas arrinca o concurso manexo de tractores patrocinado por Maxideza e que repartirá 600 euros en premios, 250 euros para o primeiro. A inscrición arrinca unha hora antes, ás 15.00 horas.

A noite do sábado desde as 23.00 horas, celebrarase unha gran festa coa actuación do grupo Broken Peach. O día 6, ás 11.00 horas terá lugar o XLII Concurso de Novos Manexadores e ás 11.45 horas unha poxa de gando frisón no que se poxarán 18 exemplares procedentes da Leira de Mouriscade da Deputación de Pontevedra. Souto destacaba o primeiro nivel dos animais. 17 deles de primeiro parto. En canto ao concurso de manejadores invitou aos máis pequenos a participar apuntando que se ningún non tiña gañado no recinto podía acudir á organización que lle prestarían un animal dócil.

Este ano, por primeira vez, farase entrega en Feiradeza das mencións honoríficas ás mellores explotacións de Lalín cos datos que saca Africor e que serán os das mellores explotacións por cualificación morfolóxica, as 3 mellores explotacións por produción de leite e as 3 mellores vacas por produción vitalicia e ás mellores primerizas e que se entregarán antes da final do concurso. Este ano o certame será xulgado polo xuíz internacional francés Anthony Le Trionnaire. Souto incidiu no altísimo nivel deste xuíz que forma parte do Comité Europeo de xuíces. No certame contarase con 115 animais procedentes de toda Galicia.

Souto agradeceu a empresas e institucións a súa colaboración como Nudesa e Xuncoga e Ascol, ás que se suman, entre outras, a Deputación de Pontevedra e Africor. Na feira este ano haberá postos de empresas punteiras do sector que realizará sorteos con diferentes premios entre eles ningúns en penso ou destinados ao recibo da luz das explotacións. A elas súmanse, apuntaba Marcos Mariño, a colaboración de Maxideza, TLM, Talleres Jomabe, Blanco e Oro e Irmáns Toimil, xunto con Fariña Maquinaria de Silleda.

O sábado e o domingo, os nenos poderán gozar dun circuíto para eles no Lalín Area cun obsequio para todos os participantes e un premio para o mellor. Pola súa banda, Jesús Manteiga destacou o que considera «o mellor sitio de España, a mellor pista», que neste caso é o Lalín Area.