
A marcha de Roberto Jorge Correa prodúcese ante a falta de presuposto en seis anos ou de asignación de áreas e o incumprimento do pacto
29 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.Como a crónica dunha morte anunciada poderiamos cualificar a decisión do BNG de Forcarei de deixar o goberno bipartito co PSOE. O pacto subscribido en xullo do 2023 levaba tempo estancado por non dicir ferido de morte, co único edil nacionalista, Roberto Jorge Correa, sen ningunha capacidade de xestión a pesar de as competencias asignadas de inicio. E ademais sen que as súas chamadas á negociación, non só con el senón co resto da oposición, atopasen outra resposta que o silencio da rexedora socialista, Verónica Pichel.
Aínda que xa hai uns días que mostrara a súa pretensión de deixar o goberno forcaricense, non foi ata este venres cando Roberto Jorge Correa oficializó por escrito no consistorio a súa marcha. E onte desvelaba esa decisión a través dun comunicado moi crítico coa xestión socialista e ademais cunha advertencia clara: «Saír do goberno non é unha carta branca para que Verónica Pichel faga o que queira, é unha esixencia firme e inmediata para que se aproben uns orzamentos negociados que dean continuidade ao servizo de axuda no fogar, o cal so se pode manter ata o verán tal e como xa dixemos nos plenos de inicio de ano».
A ausencia de presupostos figura como unha das claves nesas desavinzas dentro dun bipartito que na realidade era unívoco, controlado de forma férrea polo PSOE e cun papel meramente testemuñal para o BNG. Por iso esa decisión do grupo municipal nacionalista de abandonar o goberno, xusto a metade de mandato, cando os partidos empezan a deseñar as súas estratexias ante a seguinte cita electoral, que a nivel municipal será en maio do 2027.
«Non se atende o esencial»
Desde o BNG aducen no seu escrito a existencia de distintas problemáticas que lles levaron a tomar esa decisión,
«sobre todo a ausencia de goberno e compromiso do PSOE coa veciñanza que votou cambio». «Despois de seis anos apoiando a transformación neste Concello sentimos que non se avanza, que non se xestiona e que non se atende o esencial, actuando exclusivamente no accesorio e ante un goberno así, entendemos non ten sentido formar parte del»,
apuntan.
A formación nacionalista esgrime múltiples incumprimentos por parte da parte socialista, entre eles a falta de presupostos en seis anos, a deixar baleiro o pacto de goberno e «a non asignación de áreas ou aos moitos incumprimentos de acordos puntuais, como pode ser a celebración do San Xoán, a falta de compromiso para financiar un estudo técnico para loitar contra a última remesa de parques eólicos que estamos a sufrir neste momento ou a estabilidade nas subvencións ás asociacións».
«Vemos unha falta de xestión preocupante e sobre todo, falta de coordinación coas persoas que estamos próximas, o que xa levou a que se declarara un caso como transfuguismo ou o abandono dalgunha concelleira do goberno, sendo esta a mesma tónica co BNG, ausencia total de cesión de competencias ou delegación das mesmas», explican desde a formación nacionalista. Unha situación que lles leva a considerar un absurdo seguir permanecer «nun goberno que nin xestiona, nin deixa xestionar, polo que o BNG entendemos que os cidadáns non nos elixiron para formar parte de algo así».
Afirman que deixaron practicamente finalizados os pregos administrativos para a licitación do Servizo de Axuda non Fogar (SAF), xa hai semanas. «Pero seguimos sen ver avances na negociación co resto de forzas políticas dos orzamentos que permitan sacar adiante a axuda no fogar ou as subvencións ás asociacións, polo que esiximos se tomen medidas inmediatas», recalcan desde o BNG para concluír o seu escrito.
A xestión complícase máis para os socialistas de Verónica Pichel, con só catro de once edís
Se gobernar con cinco de once edís resultaba xa de seu moi complicado, agora os socialistas con Verónica Pichel á fronte terán en principio menos opcións para lograr acordos. Máxime coa confrontación directa que se mantén estes anos co Partido Popular, con cinco concelleiros e principal grupo da oposición. Nela tamén figura un exconcelleiro do PSOE e agora non adscrito, Rafael Fiestras. E agora súmase o concelleiro do BNG.
Rafael Fiestras dinamitara precisamente a posibilidade de que Roberto Jorge tivese a dedicación parcial inicialmente prevista. Tras un pleno errado onde non acudiu o goberno local para debater os salarios do actual mandato, na sesión celebrada o 22 de setembro materializábanse as desavinzas internas no bipartito e Fiestras votaba contra os soldos dos dous tenentes de alcalde, uníndose nese posicionamento ao PP. Non saía adiante a proposta e era de inmediato expulsado do goberno local. Incluso se lle pediu a acta por parte do PSOE, pero Rafael Fiestras segue de concelleiro. E sen apoiar o partido co que concorreu aos comicios.
Un acordo de goberno cunha tenencia de alcaldía e tres delegacións ao edil nacionalista
A mediados de xullo comezaba o primeiro goberno de coalición na historia de Forcarei tras un pacto entre PSOE e BNG no que non faltaron ansiedades para que chegase a bo porto. Unha negociación na que participaban pola formación nacionalista Xan Blanco e Roberto Jorge Correa, mentres polos socialistas estiveron Verónica Pichel, Beatriz Rodríguez e Verónica Darriba.
Se no 2019 o BNG limitouse a facilitar a investidura de Pichel como rexedora socialista, nesta ocasión logran achegar posturas para a andaina dun goberno bipartito. Un acordo que outorgaba ao edil nacionalista a segunda tenencia de alcaldía, compartindo áreas de xestión coa primeira en materias como o SAF ou Cultura e Deportes, así como a delegación de tres concellarías: Medio Ambiente, Normalización Lingüística e Memoria Histórica e Modernización dá Administración Local.
Estaba previsto para Roberto Jorge Correa unha dedicación parcial, pero non chegou a materializarse ao tombarse a proposta de presupostos. E ata hoxe.