Ao Estradense escápalle o ascenso nunha primeira parte tola (0-2)

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

A expulsión de Gamarra e o penalti fallado lastraron a un equipo entregado

07 jun 2025 . Actualizado á 21:26 h.

O fútbol golpeou con toda a súa crueldade ao Estradense, que viu como quedaba sen opcións de pelexar polo ascenso en 45 minutos. Un Municipal a rebordar e cunha enerxía electrizante enmudeceu cando Millán sentenciaba o choque para a Sarriá no último minuto do primeiro acto. Antes sentiron un carrusel de emocións, pasando da angustia á euforia e, finalmente, á desazón máis absoluta.

Un penalti fallado e a expulsión máis que rigorosa de Gamarra puxeron moi costa arriba o duelo para os rojillos, que a pesar de ver como o ascenso se esfumaba, non baixaron os brazos e saíron do Municipal coa cabeza ben alta e ovacionados pola afección, agradecendo que co seu fútbol tiveron licenza para soñar con algo grande nunha tempada xamais esquecerán, a mellor nos seus cen anos de historia.

O certo é que o resultado é un tanto enganoso. O Estradense saíu a morder desde o primeiro segundo esporeado por un público entregado. Con máis corazón que cabeza, Víctor Gamarra tivo o primeiro no minuto 9 cun remate a media volta que non pasou moi lonxe da meta de Pirot. A ocasión sentou ben, acumulando chegadas que puñan en aprietos a unha defensa nerviosa.

Asedio sen premio

Un mal saque en curto e un peor control do central da Sarriá foron aproveitados por Porrúa, que mandou ao pau a pelota tras unha acción chea de pillería. Outro erro da Sarriá estivo a piques de convertelo en gol Gamarra e minutos despois, tras un centro espectacular de Porrúa, foi Rulo quen mandou o balón lambendo o pau cun bo remate de cabeza.

O gol parecía cuestión de tempo. Aos 27 minutos chegou a mellor ocasión, un penalti por derriba sobre Jaichenko que el mesmo encargouse de lanzar. Este foi o principio do fin, porque Pirot sacou unha man salvadora e botou un xerro de auga xeada sobre o Estradense e a súa afección.

Gamarra, que minutos antes viu unha amarela por chegar tarde á presión, volvería deixar o pé ante a saída de balón da Sarriá. O árbitro non tivo clemencia, castigándoo cun novo cartón que o mandaba a vestiarios. Unha decisión rigorosa que deixou ao Estradense con dez e comezando a palpar que esta non ía ser a súa tarde.

Os rojillos acusaron o revés, e mentres trataban de recomporse, a Sarriá anotou o primeiro. Boedo, cun toque sutil, coroou unha boa acción entre Azael e Diego Rey. Co desconto correndo, os visitantes deron a puntilla por mediación de Millán. Sen o cheirar o Estradense íase ao descanso tendo que marcar catro goles para seguir en liza e en inferioridade numérica.

Lección de decoro

Na segunda metade o Estradense saltou ao campo mantendo a tensión e buscando o gol. Diego Fuentes entraba por Ander, pondo toda a carne no asador para, polo menos, non perder o partido. No entanto, o rival continuou aproveitando as desconexións locais, agora máis habituais pola inquedanza.

Azael topouse con Coke nada máis empezar o segundo acto, pero o Estradense respondeu cun ataque que salvou en dúas ocasións Pirot, sen dúbida o home do partido. Era inexplicable que os rojillos non sumasen nin un só gol, insistindo con centros á área e algún remate desde fóra. O esforzo era en balde, coa Sarriá probando fortuna de cando en vez contragolpeando.

O ímpeto inicial minguou aos poucos, a medida que a falta de sorte e o cansazo minaban a xa de seu machucada moral do Estradense. A intres o partido entraba en fases bastas, con choques e faltas que sacaban de couzón á parroquia local, que a tomou co árbitro.

O asubío final chegou con ganas por parte dos dous bandos. A Sarriá celebrando a súa pase á final do play off a Segunda RFEF, e o Estradense para acabar cun inmerecido sufrimento. Nada que reprochar a un equipo que o deixou todo no campo, completando a mellor campaña da súa historia centenaria. A afección así llo fixo saber a xogadores, corpo técnico e directiva, cunha grande ovación ao subcampión.

ESTRADENSE: Coke, Ander (Fontes, min 45), Landeira, Carabán, Elías (Juanín, min 64), Rulo, Brais Vidal, Marcos Mella (Sergio Prieto, min 64), Porrúa (Brais Calvo, min 74), Gamarra e Jaichenko (Óscar López, min 74).

SARRIÁ: Pirot, Maxi, Susavila, Piay (Brais, min 78), Keko Vilariño, Jacobo, Azael (Miguel Raimúndez, min 78), Millán, Diego Rey (Santi Gegunde, min 59), Martín e Boedo (Guitián, min 69).

GOLES: 0-1, min 37: Boedo. 0-2, min 45: Millán.

ÁRBITRO: Ramón Collado Fernández, expulsou por dobre amoestación a Víctor Gamarra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á volta da segunda eliminatoria da fase de ascenso a Segunda RFEF disputado no Novo Municipal da Estrada.