Juanín: «Pase o que pase será histórico, somos a mellor xeración que pasou polo club»
DEZA

Juanín é un dos oito futbolistas do persoal que hai catro anos disputaron a fase de ascenso a Segunda RFEF contra o Arousa. Nunha tempada complicada a título individual, perdendo protagonismo no once a causa dunha lesión, o dianteiro agarda a súa oportunidade para axudar ao equipo para acadar o obxectivo que rozaron coa xema dos dedos na Lomba.
«Non estou tendo a mellor temporada, diría que é a peor da miña carreira. Non dei enganchado o ritmo, pero non é cousa do adestrador, senón culpa miña. A lesión lastroume», recoñece. En calquera caso, está motivado e plenamente concentrado no duelo ante a Sarriá. «Gústanme estes partidos, afronto a semana con máis ímpeto. Aínda que o meu papel é máis secundario, trato de aportar dende fóra dando consellos aos xogadores máis novos», asegura.
Non é cousa de épica
Respecto á remontada, Juanín advirte que non será nada doado, pero tamén apunta que igualar os dous goles non se pode considerar unha xesta. «Épica sería remontar un 4-0, o Estradense está máis que capacitado para facer un 2-0, é o mesmo resultado que ante o Noia», sostén. Un xeito de quitar ferro á remontada e insuflar ánimo aos seus compañeiros nesta empresa.
Neste sentido, Juanín proclama que o equipo xa fixo historia pase o que pase mañá, conseguindo acadar este chanzo por segunda vez nos cen anos de historia do Estradense. «O partido de hoxe non servirá para poñernos unha mellor ou peor nota á temporada, que xa é espectacular. É un partido para disfrutalo nós e os afeccionados. Se remontamos será histórico, pero senón tamén o será. Somos a mellor xeración que pasou polo club», subliña o atacante.
Nervios fóra
«Estamos enfocados non partido, será un día grande. Levamos toda a semana traballando», reitera Juanín, quen parece feito doutra pasta para estas ocasións tan especiais. «Eu non teño nervios ningúns, confío totalmente en que imos remontar», asegura.
Sobre que mellorar respecto ao partido de ida, o dianteiro considera que deben facelo con balón. «Non estivemos ben, aínda que eles tampouco estiveron espectaculares. Temos que mellorar con balón e cometer os menos erros posibles», apunta.
Doutor Cota: «Sería un éxito do equipo, da vila e dos que amamos esta terra»
O doutor Juan José García Cota, xefe dos servizos médicos do Celta de Vigo e exprofesional da selección española de fútbol, lanzou unha mensaxe de ánimo ao equipo para o duelo desta tarde. O tamén expresidente e xogador rojillo, chamou a encher o Novo Municipal para apoiar o equipo «nun partido histórico para acadar un ascenso que creo que é merecido pola traxectoria deste ano».
«Os equipos necesitan dos seareiros, que estean preto deles e conseguir sobrepoñerse a ese resultado adverso no partido anterior. Sería un éxito do equipo, da vila e dos que amamos esa terra», concluíu na súa arenga o doutor Cota.
Mensaxe de David Castro
O capitán do Racing de Ferrol e ex xogador do Estradense, David Castro, tamén dedicou unha mensaxe de apoio ao club e os seus afeccionados, confirmando ademais a súa presenza no campo. «Animovos a acudir ao Novo Municipal para apoiar ao noso Estradense», declarou o defensor natural de Cuntis.