Manuti advirte que o Estradense deberá «controlar as emocións» ante a Sarriá
DEZA

O Estradense xogará este domingo ás 18.00 horas a ida da segunda eliminatoria correspondente á fase de ascenso a Segunda RFEF ante a Sarriá. Un rival confeccionado para estas lides contra os que perderon nos dous enfrontamentos ligueiros. Con todo, o escenario é totalmente diferente agora, co Estradense cheo de confianza tras gañar ao Noia e coa vantaxe da súa mellor clasificación.
O seu adestrador, Manuti, espera un «partidazo moi igualado» contra un rival «que fixo moitos fichaxes e o seu obxectivo é ascender». Neste sentido, o técnico destacou a calidade que atesoura no seu persoal a Sarriá. «Teñen seis xogadores de moitísimo nivel. Non lle puidemos gañar na liga, pero os partidos foron moi parellos», advirte.
«Haberá que saber controlar as emocións. Foi unha das cousas boas que fixemos contra o Noia, o equipo encaixou o gol ben», comentou. Sobre a pasada eliminatoria asegurou que mereceron a vitoria. «Na primeira parte houbo unha pequena fase na que tiveron ocasións, pero irse co 1-0 ao descanso sentenciou a eliminatoria. Na segunda parte fomos moi superiores», declarou.
Desprazamento
O Estradense puxo ao dispor dos afeccionados un autobús para ir a Sarria que custará 5 euros. Os billetes pódense adquirir en Helvetia Seguros. A entrada para o partido custa 15 euros e é gratis para menores de 18.