
Logran o recoñecemento ao proxecto máis innovador por xerar electricidade con auga de choiva, e o de FP cun sistema de carga de baterías con hidróxeno
17 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.A representación dezana na feira Galiciencia celebrada ata onte no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense brillou con luz propia. Dous dos proxectos presentados por alumnos do instituto Laxeiro de Lalín recibiron o recoñecemento do xurado ao proxecto máis innovador e ao mellor de Formación Profesional, mentres que un docente do IES Pintor Colmeiro de Silleda gañou o concurso de fotografía a través de Instagram na categoría de docentes. Todo un éxito na vixésima edición desta feira científica na que concorreron un total de 115 propostas entre Primaria, Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Primaria.
Proxecto máis innovador
Alejandro Fernández e Sergio Vales, co seu aproveitamento da auga de choiva para xerar electricidade. O xurado desta edición de Galiciencia celebrada na Tecnópole desde o mércores ata onte escolleu a proposta destes dous alumnos do IES Laxeiro como a máis innovadora. Cursan estudos do ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas. O seu proxecto, denominado H-EcoPower: Xeración de electricidade sostible con auga de chuvia supón toda unha innovación en canto a xerar luz, utilizando microturbinas a instalar en canlóns de vivendas e edificios. A forza dese auga de choiva aprovéitase para xerar enerxía limpa, reducindo os custos na factura eléctrica e diminuíndo a dependencia das fontes de enerxía contaminantes.
Esta innovadora proposta diríxese a fogares, pequenas industrias e explotacións agrícolas situadas en zonas con alta pluviometría. O proxecto destaca ademais pola súa viabilidade técnica e a súa contribución á sustentabilidade ambiental. Outro aspecto para resaltar radica no feito de que fomenta o emprego de tecnoloxías accesibles e a concienciación sobre o uso responsable dos recursos naturais.
As microturbinas hidroeléctricas son habituais en ríos ou correntes de auga pero o seu emprego en canlóns de recollida de choiva supoñen unha innovación, como resaltan no seu proxecto Alejandro Fernández e Sergio Vales. A información na que se basearon para elaborar a súa proposta recollérona en estudos sobre enerxías renovables, artigos científicos e proxectos de tecnoloxía sustentable. Construíron un prototipo adaptado a un canlón estándar e realizaron medicións do cauda da auga e a enerxía xerada en diferentes condicións meteorolóxicas. As probas permitiron constatar que se xera cantidade suficiente de enerxía para alimentar pequenos dispositivos eléctricos e reducir así o consumo da rede.
mellor proxecto de fP
Borja García e Sergio Vázquez, co seu sistema de carga de baterías con hidróxeno. Nestes alumnos do IES Laxeiro recaeu ese recoñecemento como o mellor presentado en Formación Profesional. Denominado H2OFlow: Sistema de carga de baterías con hidróxeno, propón un sistema híbrido de xeración combinando a enerxía solar coa de hidróxeno. Está centrado na carga de baterías para diferentes tipos de vehículos e dispositivos eléctricos. Pode empregarse por exemplo para o uso de electrodoméstico ou ferramentas eléctricas, así como alternativa para sistemas de corte de metal.
O principal obxectivo desta proposta radica en reducir o consumo de enerxía convencional e ofrecer así unha alternativa máis sostible e eficiente. O mercado inicial ao que estaría destinado este sistema, segundo recollen no seu galardoado proxecto, serían os talleres mecánicos, aínda que podería expandirse tamén a particulares ou a pequenas industrias. Destaca pola súa innovación e o seu impacto positivo no medio ambiente.
Resaltan que o uso de hidróxeno preséntase como unha alternativa viable para xerar enerxía e cargar baterías sen necesidade de conexión á rede eléctrica. A viabilidade do sistema se chequeó en busca de fomentar o desenvolvemento tecnolóxico no sector da automoción, para o que se construíu un prototipo de xerar de hidróxeno conectado a un sistema de carga de baterías. Realizaron probas de eficiencia ou compatibilidade con distintos dispositivos, ademais de comparar custos e rendemento respecto a outros sistemas convencionais. Corroboraron que poden cargarse baterías de 6 a 24 watts segundo a produción de hidróxeno e a cantidade de celas dispoñibles no sistema, todo iso dun xeito eficiente, cun alto potencial para a súa aplicación e reducir así a pegada de carbono.
Galardón á mellor fotografía para un docente do Colmeiro
No marco de Galiciencia convocouse ademais un concurso de fotografía a través de Instagram. A mellor imaxe para o xurado, na categoría de docentes, entre as presentadas a través desta rede social ten a firma de Javier Fondevila, profesor do instituto Pintor Colmeiro de Silleda. A súa instantánea titúlase Patrón de Moiré como ilusión óptica. Nela mostra o efecto que se forma cando se sobrepoñen varias liñas.