Nerea Pallares, gañadora do premio Manuel García Barros: «Hai unha ollada crítica sobre como nos vencellamos e sostemos a vida»

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

O xurado destacou a «riqueza literaria e simbólica» da obra presentada baixo o lema «Das arañas brancas»

25 abr 2025 . Actualizado a las 13:11 h.

Nerea Pallares (Lugo, 1989) resultou gañadora do XXXVII Premio de Novela Manuel García Barros coa súa primeira incursión lonxe do relato curto, que ten por lema: Das arañas brancas. «Son unha gran defensora do relato, pero son procesos creativos totalmente distintos. Require outro tipo de folgos e unha implicación constante», comenta aínda abraiada pola nova deste importante recoñecemento.

—Por que Camariñas?

Levoume a Camariñas o tema da novela, na que se reflexiona moito o tecido e a linguaxe. Está conectada co tecer e o destecer. E da tamén unha dimensión distinta a ese tecer e destecer. Tamén se revisitan na novela mitos femininos a carón do fiar na literatura. É unha novela contada por mulleres, todas as voces que saen son femininas e de distintas xeracións. Somos conscientes do que supón o encaixe a nivel patrimonial, pero o que se propón aquí é outra cousa distinta, e volver ao tecer coma movemento, concepto e repensalo dende outro lugar, sendo moi conscientes da realidade social que se vive nunha vila mariñeira como Camariñas. Hai moito mar, é un elemento constante, unha personaxe máis. O mar e o vento coma unha mesma forza que se entrelaza na novela. É un dos meus sitios preferidos, a paisaxe paréceme emocionante.

—Cal é o tema central e que quere transmitir?

É unha novela que ten moitas capas de lectura, o fío condutor é a relación entre tecido e linguaxe. Pero o que se propón é outra forma de construír tecido social. Fai unha crítica a unha certa maneira de vivir e se propón, a través deste destecer, outra forma de facer as cousas. Hai unha ollada crítica e reflexiva sobre cómo nos vencellamos e cómo sostemos a vida e a labor dos coidados.

Como foi esa labor de pescuda?

Foi un proceso que gocei moito. A escrita levoume máis dun ano, pero dende a idea inicial ata que se foi armando, pasarían máis ou menos tres anos. É unha novela que necesitaba investigación de distinto tipo, dende pasar un tempo alí, en Camariñas, que estiven para introducirme no mundo do palillo. Para min era importante achegarme ás asociacións das palilleiras, falar con elas e aprender a manexar algúns termos propios do encaixe e por suposto coñecer moi ben a contorna e o lugar. Iso non foi ningún sacrificio porque é un sitio que me encanta e que exerce unha fascinación sobre min. Pódense recoñecer moitas cousas propias da vila e que fixeron que parte da investigación fora estar alá. Pero non soamente, houbo unha investigación co que ten que ver coa mitoloxía en torno ao tecer, houbo distintas liñas de documentación.

Este tipo de premios imaxino que serven de acicate para perseverar na escritura.

Ademais de dar folgos, anima e axuda. Moitas veces está a dificultade de como unha se busca a vida para poder seguir escribindo, que ao final é o que queremos todas as persoas que nos dedicamos a isto, pero a verdade é que o sistema non o pon fácil. Co cal, un premio coma este supón un recoñecemento a unha labor que fas en solitario durante moito tempo, e por fin hai alguén que che fai sentir acompañada neste proceso. É unha axuda a continuar con este modelo de aposta pola escrita.