O Concello insta ao Xacobeo a crear unha comisión para abordar o futuro do albergue da Bandeira
DEZA
O Concello de Silleda remitiu onte un escrito á dirección da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo onde insta a crear a comisión mixta fixada no convenio que posibilitou abrir o albergue de peregrinos da Bandeira. Ante a problemática ao redor do seu futuro, tras solicitar a dona dos terreos onde se asinta a súa devolución, desde o goberno local consideran necesario constituír ese órgano para avaliar as medidas para adoptar.
A decisión de remitir o escrito con esa petición arguméntano en que «todas as negociacións mantidas entre o Concello de Silleda e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ao longo do último ano semellan carecer de validez formal e non son tidas en conta pola súa parte». Consideran necesario activar ese mecanismo previsto no convenio de colaboración asinado por ambas as partes. Na cláusula sete establécese que «no caso de ser preciso crearase unha comisión mixta integrada por dous representantes de cada unha das partes encargadas de resolver as dúbidas que xurdan da interpretación deste convenio».
O goberno silledense insta a crear de forma inmediata desa comisión mixta para «abordar, aclarar e resolver todas as cuestións pendentes derivadas da interpretación e execución do convenio, así como das actuacións e responsabilidades asumidas por ambas Administracións». Desde Silleda proponse como os seus participantes municipais nese órgano á rexedora, Paula Fernández, e á concelleira de Turismo, Mónica González, asistidas polo servizo xurídico do Concello.
Propoñen ademais como lugar para o primeiro encontro o día 25 de abril, ás 10.00 horas. Sería na propia sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo en Santiago, como ocorreu en anteriores reunións. Agora queda saber se a misiva asinada e remitida onte pola rexedora conta co beneplácito deste organismo dependente da Xunta, que debería designar ademais aos seus representantes.