O Concello de Silleda está inmerso no proceso para aprobar a primeira modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que entraba en vigor o pasado ano. Un cambio que afecta o polígono Área 33 e sobre o que xa se conta con informe ambiental estratéxico por parte da Xunta, favorable cunha serie de pautas.
A modificación en marcha busca corrixir discrepancias xurdidas entre o plan e a urbanización da fase B do parque empresarial. En concreto por unha parcela situada ao sur de Área 33 onde se sitúa a planta de transferencias da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). Por necesidades do proxecto ocupa parte doutro terreo limítrofe que está catalogado no PXOM como dotación de espazo libre e zona verde, e outra parte en chan rústico contiguo polo sur.
Esa ocupación a maiores obriga a revisar as aliñacións desas parcelas para axustalas á realidade, así como compensar noutro ámbito a superficie de zona verde ocupada pola planta de transferencia. En total tense que reordenar unha superficie de 3.972 metros cadrados.
A proposta de modificación establece crear un novo espazo libre de zona verde no límites oeste do polígono, de 2.158 metros cadrados de superficie. Ocuparía parte dunha parcela de titularidade municipal.