Turismo de Galicia reclama máis información sobre o albergue da Bandeira ao Concello de Silleda
DEZA
A raíz da orde de desafiuzamento do albergue de peregrinos da Bandeira por parte do Xulgado de Lalín, Turismo de Galicia púxose en contacto co Concello de Silleda para recibir información ao completo sobre o conflito que manteñen a propietaria e o goberno local e como se vai a atender a resolución xudicial.
O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso da Campa, enviou unha misiva á alcaldesa, Paula Fernández, na que lle trasladaba a «preocupación que xerou esta noticia na Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo». Tamén lembrou á rexedora o convenio asinado polas dúas partes en 2011, cunha vixencia de 15 anos, centrado no uso do soar para instalar un albergue mediante módulos prefabricados.
Ceder outra parcela
Neste sentido, desde Turismo de Galicia aseguran que o convenio obriga ao Concello, en caso de non cumprir o prazo total de vixencia do acordo, a «ceder o uso doutra parcela de similares características á beira do Camiño para o cumprimento do convenio».