O Estradense debe esquecerse de que se mide ao pechacancelas Betanzos

Javier Benito
j. benito A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Os rojillos afianzaríanse como terceiros cos tres puntos

06 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Estradense deberá esquecerse hoxe (18.00 horas, Novo Campo) de que enfronte ten ao pechacancelas Betanzos, un equipo xa con pé e medio en Preferente. Dar por gandos os tres puntos antes de disputarse o choque sen dúbida debe ser o erro en que non poden incorrer os locais. Seguro que Manuti inculcou durante os adestramentos da semana aos seus xogadores que pecar dun exceso de confianza pode volverse en contra e toca saír desde o primeiro minuto a pelexar pola vitoria.

Os estradenses afianzaríanse na terceira posición da táboa en caso de sumar esta tarde os tres puntos. Seguen asinando unha tempada brillante e a vitoria suporía a terceira consecutiva. Restarían despois só dezaoito puntos en xogo, aínda moitos, si, pero gozan dun colchón interesante co sexto clasificado. En espera de como discorra a xornada de hoxe ten oito puntos ao seu favor o equipo rojillo sobre o Arousa.

O Betanzos chega cunha tenue luz ao final do túnel, despois de sumar catro dos últimos seis puntos posibles. Intentará agarrarse ao cravo ardendo de salvar a categoría e en principio deberá buscar tamén a vitoria ante o Estradense.

A Escola Estrada FB gañou a Sarriá e logra o ascenso

Sen deixar a actualidade do fútbol local, o conxunto xuvenil da Escola Estrada FB conseguía onte dobregar no Novo Campo á Sarriá por 3-1. Unha vitoria que lles permite lograr xa o ascenso á Preferente Galicia á falta de varias xornadas para concluír a fase. Os estradenses levan nove triunfos por tan só unha derrota, co salto de categoría xa no peto.

O choque comezou cos locais adiantándose no minuto 29 por mediación de Álvaro. Pero os lucenses conseguían equilibrar o marcador antes do descanso. Tras a continuación apertaron os xogadores da Escola Estrada FB, conseguindo Marcos no 56 subir o 2-1 ao marcador. A puntilla poríana Lois no 72, para festexar tras o partido ese merecido ascenso.