O Estradense deixa de estar invicto, pero non o liderado: «Volvémonos un pouco tolos»
DEZA

Tiña que chegar e fíxoo na sétima xornada. O Estradense selou ante a Sarriá a súa primeira derrota da tempada, un 1-2 que supón un xerro de auga fría despois dun inicio de competición histórico. Con todo, o equipo segue no máis alto da clasificación cun punto de marxe respecto ao segundo, precisamente a Sarriá.
O adestrador do Estradense recoñeceu que no tramo final do partido non estiveron ao seu mellor nivel e iso penalizoulles, aínda que comezaron con bo pé. «Foi unha mágoa, a primeira derrota tiña que chegar. Fixemos 60 minutos moi bos, a primeira metade foi nosa e xogamos un bo partido. Despois do descanso empezaron a buscar a Santi Gegunde, pero aínda así os primeiros 10 ou 15 minutos foron moi bos», explicou. «Nun erro nun córner meten o 1-1 e a partir de aí eles si que se sentiron moi cómodos», concluíu.
O técnico advertiu sobre a importancia de saber xogar co marcador en contra, algo que fallou o domingo. «Temos que aprender que aínda que nos poñamos 1-1 non pasa nada, hai que continuar. Volvémonos un pouco tolos, son cousas a mellorar, é algo normal e non pasa nada», declarou.
Manuti quitou importancia á derrota, lembrando que o feito polo Estradense está ao alcance de moi poucos. «Falamos no vestiario que as derrotas ían a chegar e o mellor é levantarse o máis rápido posible», dixo. Pola súa banda, Brais Vidal asegurou que o vestiario «está fodido, pero gústame velo así porque significa que queremos gañar e facer as cousas moito mellor».