Rubén Comerón proclamouse campión galego sub-23

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O estradense fíxoo na modalidade de dobres mixtos xunto a Ana Nóvoa

03 jun 2024 . Actualizado á 20:23 h.

Novo éxito para o Bádminton A Estrada coa proclamación dun novo campión autonómico nas súas filas. Nesta ocasión o heroe estradense foi Rubén Comerón, que se proclamou campión galego sub-23 na modalidade de dobres mixtos acompañado pola xogadora ourensá Ana Nóvoa.

O campionato autonómico disputouse esta fin de semana na cidade dAs Burgas coa participación de tres deportistas do club da Estrada. Ademais de Comerón, acudiron Manu Míguez e Pedro Rey. Ambos participaron na categoría individual e en dobres formando parella. Míguez caía no seu enfrontamento ante Basilio Porto, mentres que Rey non conseguía vencer a Pablo Alfaya nos cuartos de final da competición.

Bronce en masculino

En dobres masculinos a parella caeu coa dupla formada polo seu compañeiro, Rubén Comerón, e o deportista do Ravachol, Hugo Salgueiro. Precisamente nesta modalidade Comerón logrou unha medalla de bronce tras avanzar ata semifinais. Nesta instancia do torneo quedaron eliminados tras perder fronte á parella dAs Neves formada por Porto e Táboas (21-21 e 24-22).

Finalmente, a merecida medalla de ouro chegou en mixtos. A participación da parella no torneo foi excepcional, chegando á final para rematar conquistando o campionato galego sub-23. Na final impuxéronse a Xoel Álvarez e María González por 21-19 e 21-10.