Raquel Miguens reina na Estrada con dous títulos nacionais

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Proclamouse campioa de España en individual e en dobres

06 may 2024 . Actualizado á 21:04 h.

Raquel Miguens volveu converterse na raíña do bádminton sénior en España coa consecución de dous novos títulos nacionais. Esta vez A Estrada foi o escenario dunha nova exhibición da deportista local, que co apoio de familiares e amigos nas bancadas do Coto Ferreiro proclamouse dobre campioa de España en dobres feminino e en individual.

Como adiantaba na previa, especialmente na modalidade individual centraba as súas maiores opcións. Nun sábado moi atarefado, con cinco partidos, caeu en cuartos de final en dobres mixtos, topándose cos ao cabo campións do torneo: Alberto Zapico e Marta Fernández. Con todo, nas outras dúas categorías seguía o seu camiño, acadando as finais do domingo.

Xunto a Elena Olmos venceron na final a Marina Rodríguez e Ángela Soto por 21-17 e 21-19. Finalmente, impúxose en individual á xogadora ucraína Olha Buvaleva sumando un 21-15 e outro 21-14 que resolvían un excelente torneo na casa.