A agrupación manchega Virxe das Cruces de Daimiel acompañará a Tequexetéldere no Festival Folclórico

La Voz

DEZA

cedida

07 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O Teatro Principal acollerá o sábado 18 de maio desde as 19.00 horas o Festival Folclórico do Salmón. Unha cita cultural que nesta ocasión contará coa agrupación Virxe das Cruces, da localidade manchega de Daimiel (Ciudad Real). Esta acompañará á anfitrioa, Tequexetéldere, representando o seu repertorio de baile tradicional.

Unha fusión galego-manchega que permitirá coñecer de primeira man o traballo que a agrupación de Daimiel leva realizando desde a súa estrea en 1982. É un dos grupos de referencia da comunidade castelá e o seu obxectivo é manter viva a cultura popular da súa zona, rescatando e preservando tradicións populares da música e a danza manchegas, así como costumes típicos da rexión.

Kike Vázquez, en representación de Tequexetéldere, detallou o repertorio da agrupación de Daimiel, que incluirá xotas, fandangos, rondeñas, seguidillas, manchegas e meloneras. Unha ampla variedade de bailes típicos da súa zona. Así mesmo, contarán con vestimentas representativas da rexión como o traxe manchego de Daimiel. Pola súa banda, Tequexetéldere representará un repertorio con maneos, xotas e muiñeiras, estreando dúas pezas. A primeira trátase dunha xota procedente da parroquia de Olives, en Fraiz, e a segundo un maneo recolleito na zona de Carballo.

A actuación terá unha duración que non superará a hora, nun espectáculo dividido en dous partes, coa presenza dunha das escolas de Tequexetéldere no intermedio. As invitacións para o festival pódense recoller desde esta semana e ata o día da súa celebración.