O Estradense chega ao parón con tres puntos de marxe sobre o descenso

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

JESÚS FIGUEROA - CD ESTRADENSE

12 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A derrota do Estradense en Carballo ante o Bergantiños puxo fin a unha serie de catro partidos sen coñecer a derrota. Oito puntos de doce posibles que daban aire a un equipo en clara melloría respecto da primeira volta. No entanto, a derrota en casa do líder e os bos resultados dos equipos de abaixo volveron a achegar aos de David Páez ao precipicio.

Ao termo da xornada 24, o Estradense atópase undécimo con 29 puntos, a tres dos postos de descenso, que nestes momentos marca o Betanzos. Un equipo que viviu con certa tranquilidade o que levamos de liga ata as últimas xornadas. Importante recordatorio do imprevisible desta competición tan igualada como é a Terceira.

Con todo, as sensacións ante o Bergantiños foron positivas, plantando cara a un equipo imbatido en casa e cunha soa derrota na tempada. Unha imaxe positiva que permite encarar este parón coa tranquilidade de que o equipo pode aumentar a fenda co descenso.

Esta semana non haberá liga, organizando un torneo de truco que se desenvolverá o sábado ás 16.00 horas no Salón do Moble. Este período de descanso permitirá aos rojillos recuperarse fisicamente para un final de tempada con todo por decidir. Á volta do parón recibirán a un rival directo na loita pola permanencia, o filial do Pontevedra.