Silleda e Agolada lograron axudas da Xunta para xestión de biorresiduos

Javier Benito
j. benito LALÍN, A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

A maioría de concellos segue sen implantar o colector marrón

02 mar 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Buscar un colector marrón pola xeografía de Deza e Tabeirós-Terra de montes resulta complicado. A xestión da fracción orgánica segue sen preocupar aos concellos das comarcas, a pesar de que están a incumprir a Lei 7/22 de Residuos e Chans Contaminados, que fixaba o 31 de decembro do 2023 como data tope para activar a recollida selectiva dese tipo de residuos. Quizais non agardan que haxan inspeccións, multas ou sancións. Quizais hai pouca vontade a pesar de que a implantación suporá unha redución do volume da bolsa negra e por tanto do diñeiro para abonar a Sogama pola súa xestión.

Nesa procura no mapa da zona só nos atoparemos con colectores marróns en Silleda. Desde o día 1 de xaneiro xa se distribuíron polos dous centros urbanos, o silledense e o da Bandeira, póndose en marcha de forma paralela unha campaña divulgativa sobre o tipo de residuos a depositar, con distribución de folletos e puntos informativos nos que se distribuíron aos veciños os caldeiros aireados para usar nos seus domicilios.

Tanto Silleda, onde xa funciona o colector marrón, como Agolada, que polo momento non anunciou a posta en marcha do servizo, foron os dous únicos concellos a l vos que a Xunta outorgou subvencións para financiar actuacións relativas á xestión dos biorresiduos. No caso trasdezano logrou unha axuda de 38.678 euros da liña un, correspondente á implantación da recollida separada de residuos orgánicos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, tanto para compostaxe como para dixestión anaeróbica; e 14.387 euros correspondéronlle dentro da liña dúas, neste caso para a reciclaxe en orixe deses biorresiduos mediante compostaxe doméstica ou comunitaria. Pola súa banda, Agolada conseguiu 11.260 euros a través da liña un e outros 10.134 da dúas.

No resto de municipios por agora non se deron pasos encamiñados a pór en marcha a xestión da fracción orgánica. La Voz chequeaba o pasado outubro as previsións dos concellos, apuntando por exemplo A Estrada que ía agardar a licitar e adxudicar o novo contrato de recollida de residuos urbanos para incluír ese colector marrón. Pero aínda non se comezou con ese proceso, polo que tardará en chegar a xestión dos biorresiduos estradenses. En Lalín tampouco se marcaban prazos para implantar ese servizo, pendentes de atopar financiamento que, visto a resolución da Xunta, non chegará por vía autonómica, aínda que o rexedor prevía recorrer á Deputación.

Rodeiro apuntaba a que a compostaxe doméstica sería suficiente, idea tamén aludida desde Dozón, mentres Forcarei agardaba pola planta de transferencia e Vila de Cruzamentos ía analizar o tema.

Rodeiro licita os traballos de mellora no punto limpo

Este pasado xoves celebrábase unha xunta de goberno local con carácter extraordinario en Rodeiro tan só para aprobar o expediente de contratación das obras de mellora no punto limpo. O proxecto xa se licitou ese mesmo día por parte do Concello a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, cun presuposto máximo de execución de 56.987 euros. As empresas interesadas en optar a esta adxudicación poderán presentar as súas ofertas ata o día 14 de marzo.