Cando papá tamén pon orde no terreo de xogo

David Cofán Mazás
david cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

O colexiado de rugbi lalinense Santi Castro arbitrou por primeira vez un encontro no que participaba o seu fillo Gabriel

20 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos campos da Torre da Coruña viviuse esta fin de semana unha xornada moi especial para os lalinenses Santi e Gabriel Castro, pai e fillo que por primeira vez coincidiron no terreo de xogo: o primeiro arbitrando e o segundo como xogador. «Entereime o luns cando me asignaron o partido e non lle dixen nada», confesa Santi. Este experimentado colexiado, que ao longo da súa carreira participou en competicións nacionais e internacionais, tivo a difícil e ilusionante misión de arbitrar o encontro do seu fillo maior, que está cedido polo Coreti ao Vigo Rugbi Club.

Gabriel non sospeitou nada durante toda a semana, nin sequera cando ía de camiño ao partido no coche cos seus pais. «Non foi difícil gardar o segredo. Estiven caladiño e so faleino coa miña parella. Cando me veu no campo quedou abraiado. El foise cambiar e cando saín quedou mirando para min e díxome de broma: “Téñoche que aguantar na casa e agora tamén no campo”», explica divertido.

«

Non houbo trato de favor

»

A sorpresa de Gabriel foi maiúscula, xa que ademais o seu pai adoita encargarse de partidos de categoría sénior e raramente arbitra nas competicións de base. Con todo, esta vez ía estar dirixindo un CRAT-Vigo de M-18 no que tamén participou outro cedido do Lalín, Andrés García.

A pesar diso, o vínculo familiar non enterneció a Santi, que foi inflexible e xulgou por igual a todos os xogadores. «Como árbitro tes que facer o teu traballo e ver cores, non equipos. Non houbo trato de favor, ademais gañaron por unha diferenza moi ampla así que tampouco lle puiden influenciar en nada», comenta entre risos.

Doutra banda, Gabriel tampouco protestou demasiado ao seu pai, aínda que non tanto pola impresión de velo dirixindo o partido como polos valores que lle inculcou. «Sempre lle insistín moito que no deporte había que comportarse e respectar eses valores que defendemos no rugbi. Nunca lle vou dicir cómo xogar ou non, porque non é a miña función senón a do adestrador, pero en canto á educación e orde nunca pecou diso», asegura.

Paixón desde pequeno

Gabriel é o maior de tres irmáns e, polo momento, o único que herdou do seu pai a paixón polo rugbi. «Leva xogando dende os 8 anos. Eu tamén xoguei moitos anos e na casa veu moito rugbi, pero nunca se llo impuxen nin moito menos. De feito practicou moitos deportes e ao final decantouse por este», comenta orgulloso.