Froiz comeza a acondicionar os locais para abrir supermercado na capital dezana

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

07 feb 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A presenza dun contedor repleto case de entullos e o ruído no interior dos locais por obras de demolición anunciaron onte en Lalín que comezou a materializarse o proxecto da cadea Froiz para abrir un supermercado en pleno centro de Lalín. A principios de decembro a xunta de goberno local concedera licenza para executar este proxecto, que supón a reforma de nove baixos situados nas rúas Joaquín Loriga e Rosalía de Castro para conformar o futuro espazo comercial.

En concreto a superficie que suman os locais onde se están iniciando xa os traballos se sitúa en 973,37 metros cadrados; deles, 684,98 atópanse en planta baixa cara á rúa Joaquín Loriga, mentres os outros 288,39 dan a Rosalía de Castro. A cadea Froiz prevía un investimento, cando solicitou a licenza municipal, de 258.674 euros para crear este novo supermercado no centro urbano lalinense, que afecta entre outros a un baixo dun edificio incluído no Plan Xeral e no catálogo cultural de Galicia, polo que se requiriu autorización da Xunta para actuar no seu interior.

A creación desta nova superficie comercial comezou a xestarse hai xa varios anos e, como ocorreu con Mercadona, a súa posta en marcha dilatouse no tempo por requirimentos urbanísticos antes de lograr os permisos. Ademais, no caso da cadea con sede valenciana mesmo houbo proceso xudicial polo medio antes de poder dispoñer dos terreos.