Tres concellos aglutinan case o 80 % da recadación por IRPF

David Cofán Mazás
David cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Os contribuíntes da zona pagaron 71,4 millóns no exercicio do 2021

06 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Os datos que achega a Axencia Tributaria correspondentes ao exercicio do 2021 mostran que os contribuíntes de Deza e Tabeirós-Terra de Montes achegaron 10 millóns de euros máis en concepto de imposto da renda respecto ao 2020. En total foron 71.379.525 euros fronte aos 61.111.762 do anterior rexistro, enmarcado no estalido da pandemia. Do total da recadación, a gran maioría procede das retencións que se van realizando ao longo do ano ben sexa a través das nóminas ou en pagamentos a conta orixinados polos seus investimentos, concretamente 67,7 millóns de euros.

Por outra banda, a estatística do fisco revela as contías que os contribuíntes tiveron que pagar ou que a Axencia Tributaria reintegrar unha vez realizaron a declaración da renda. Neste sentido, as liquidacións a pagar supuxeron ingresos adicionais por valor de 13,2 millóns de euros, mentres que o fisco tivo que devolver ao redor de 13,6 millóns de euros, sendo unha das poucas zonas de Galicia onde a cantidade devolta foi maior que a de pagamento.

Por concellos, os tres principais a nivel poboacional, A Estrada, Lalín e Silleda, concentraron practicamente o 80 % da recadación por IRPF, uns 55,9 millóns de euros. Só A Estrada e Lalín, que aglutinan algo máis de 40.000 habitantes, suman o 65 % do total (46,3 millóns). Así mesmo, o municipio estradense foi o que rexistrou a maior cantidade de pagamento no imposto da renda, con 23,3 millóns, seguido de Lalín con 22,9 e, a unha certa distancia, Silleda, cuxos contribuíntes achegaron 9,5 millóns.

No outro extremo está Dozón, cuxa recadación é de algo máis de 450.000 euros. Superan o millón Agolada (1,3) e Rodeiro (1,6). Forcarei supera os dous millóns (2,4) e Vila de Cruces rolda os 4 (3,8). Pola súa banda, en Cerdedo-Cotobade a recadación superou os 5,8.

Media por contribuínte

O importe medio por contribuínte máis elevado dáse en Cerdedo-Cotobade, cunha recadación de 4.806 euros por veciño. Séguelle Lalín, onde a media se eleva ata os 4.315. En terceira posición sitúanse os silledenses, con 4.018. Os contribuíntes da Estrada achegaron de media 3.948 euros.

A renda por veciño aumenta, pero segue sendo das máis baixas da provincia

En comparación co 2020 as rendas medias por veciño aumentaron en todos os concellos da zona. Segundo a Axencia Tributaria, a media é de 19.674 euros por veciño, 1.200 euros máis alta que no exercicio anterior. No entanto, este crecemento xeneralizado non evita que sexan dúas das comarcas con ingresos por habitante máis baixos da provincia. De feito, os veciños de Dozón, Rodeiro e Agolada teñen as menores rendas de Pontevedra.

Os ingresos medios en Dozón son de 16.253 euros, mentres que en Rodeiro a cifra é de 16.834 e en Agolada de 17.957 euros. En calquera caso, os tres municipios incrementaron as súas rendas, Rodeiro en 662 euros, Agolada en 934 e Dozón en 882. A renda media bruta anual en Vila de Cruces é 851 euros máis alta, con 18.746 euros por veciño. En Forcarei o aumento é de 224 euros, pasando a ter unha renda por habitante de 18.890 euros.

As máis altas

Como vén sendo habitual, Cerdedo-Cotobade continúa liderando a táboa das rendas máis altas da zona con 22.964 euros brutos cun incremento interanual de case 2.000 euros. Silleda superou por primeira vez os 20.000 euros de renda, acadando os 21.054, un aumento de 1.262. En canto aos principais polos económicos e demográficos das comarcas, as súas rendas mantéñense similares, mesmo cun crecemento parecido no exercicio do 2021.

A renda bruta anual na Estrada é de 21.460 euros, mentres que a de Lalín roza os 22.000 euros por habitante (21.915). Na capital dezana incrementouse en 1.129 euros segundo o informe do fisco. Pola súa banda, no municipio de Tabeirós o aumento pasou os 1.100 respecto ao 2020, cando a renda dos estradenses era de 20.230 euros.