Convocan ou premio de novela curta Xosé Neira Vilas, dotado con 1.000 euros

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

12 jul 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A Fundación Xosé Neira Vilas acaba de convocar a sétima edición do premio de novela curta que leva o nome do escritor de Gres. Ten unha dotación económica de 1.000 euros, ademais da edición da obra galardoada. Os orixinais terán un mínimo de 50 páxinas e un máximo de 150. A institución cultural fixou a data do 1 de outubro como tope para a recepción dos orixinais. Poderán participar todas as persoas interesadas con textos inéditos escritos en lingua galega e destinados ao público infantil e xuvenil.

Os participantes deben remitir tres exemplares dos seus traballos á sede da Fundación Neira Vilas en Gres. Deberán constar de título e, nun sobre pechado aparte, deberá consignarse por fóra o mesmo nome e, no seu interior, o nome e apelidos do autor, enderezo e teléfono. Este premio naceu coa finalidade de estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionarlle aos nenos, adolescentes e público en xeral obras de interese.

O galardón entregarase o 3 de novembro, coincidindo co aniversario do nacemento de Neira Vilas e co Día do Lector no calendario escolar da lectura. O xurado poderá declarar deserto o premio e o seu ditame será inapelable. Virxilio Rodríguez, con Off the record, foi o último gañador do certame e na súa obra destaca a eficiencia narrativa e a pulcritude estilística dunha historia que avanza, imparable, ata un sorprendente final. Este libro, ao igual co resto dos premiados desde a primeira edición, están a disposición do público en Edicións Embora, encargada da publicación dos traballos.