O covid regresa ao municipio estradense tras 22 días cun positivo nun menor de idade

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

16 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O covid regresou ao municipio estradense cun caso detectado este venres nun menor de idade cun test de antígenos, pendente de PCR. Tras ter conseguido abater a quinta onda e manterse libre de coronavirus desde o día 22 de setembro, o municipio volveu a rexistrar un novo caso, nun neno de 5 anos.

A Estrada é agora xunto con Vila de Cruces o único concello da zona que rexistrou algún caso novo nos últimos sete días. En Lalín non houbo positivos na última semana, pero si algún nos últimos 14 días. Segundo informa o Sergas, o resto dos concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes -Silleda, Rodeiro, Agolada, Dozón, Forcarei e Cerdedo-Cotobade- non rexistraron ningún caso de covid desde hai máis de dúas semanas.

Por outra banda, na Estrada o centro de saúde iniciará este luns a instalación do sistema automatizado de quendas que permitirá a chamada anónima a consulta. Ante as críticas do BNG, que considera que o sistema non mellorará o servizo e confundirá aos maiores, desde o centro de saúde local lembran que, de acordo coa Lei de Protección de Datos, tanto o DNI do paciente como a súa dirección de correo electrónico, antecedentes médicos, tratamento ou simplemente nome e apelidos son datos de carácter persoal que se han de preservar no anonimato.