Á duodécima tocou perder ao Estradense

Javier Benito
javier benito A Estrada, LALÍN / LA VOZ

DEZA

rober amado

O Estradense desaproveitou ante o Villalonga a ocasión de achegarse ao líder

13 may 2019 . Actualizado ás 21:35 h.

Din que non hai dous sen tres, que á terceira vai a vencida,... No caso do Estradense foi á duodécima cando encaixou de novo unha derrota en liga. Tras esa ducia de partidos onde maioritariamente gañou -só houbo un empate- este domingo perdían no campo de Villalonga pola mínima. A consecución do obxectivo do ascenso pesou a nivel anímico, talvez tamén os cambios no once titular propiciados polas baixas e o interese de Alberto Mariano de dar minutos a quen tiveron menos protagonismo nas últimas xornadas. Tres puntos que achegasen aos rojillos ao líder, xa que o Pontellas recibía unha clara goleada en casa do Moaña. Puideron quedar a un pero seguen a seis os estradenses do título, con seis xa tan só por xogarse.

A fortuna tampouco sorriu nesta ocasión aos rojillos. Xa no minuto sete tiveron que cambiar a Silva tras recibir un golpe que lle abriu unha cella e motivou a aplicación de puntos de sutura. Gozaron de ocasións para adiantarse no marcador, pero Aarón salvou aos locais ante Borja. Chegaría despois o penalti de Javicho tras trabar a Guerra, que foi quen transformou no minuto 60 o lanzamento no único tanto do partido. Pero os visitantes tiveron tamén outro ao seu favor, detido a Borja polo porteiro local, quen ademais sacou un tiro á escuadra e asinou outras paradas de mérito.

«O balón non quixo entrar e ante iso pouco podes facer aínda que non foi un bo partido pola nosa banda, pero si estivemos defensivamente agresivos e os xogadores quixeron ir pola vitoria», explicaba onte Mariano. Encomiou o cambio ofrecido polo Villalonga respecto ao equipo da primeira volta, «moito máis intenso, gustáronme como bloque, compactos e cunha clara liña de xogo que nos complicaba a nós competir». A pesar de todo o técnico rojillo afirmou que por ocasións de gol «non merecemos perder e mesmo deberiamos ter gañado, pero a pelota non quixo entrar, non estivemos acertados ante a portería contraria».

Alberto Mariano introduciu cambios no once titular, comezando baixo paus, con Cascallar. Tamén destacou a inclusión de Iago de inicio. Son dous exemplos nun choque onde volveu ter minutos Peiteado, na segunda parte, tras moitas semanas lesionado. «A ninguén nos gusta perder cando levabamos once partidos sen facelo pero eles apenas chegaron a tirar a porta, tan só o penalti, mentres nós fallamos moitas», incidía o técnico recoñecendo que a tensión de xogo sempre resulta complicado mantela cando xa rubricaches o ascenso de categoría. A pesar diso afirmou que seguirán pelexando polos puntos nos dous partidos que lles restan de liga, o próximo de despedida ante a afección. As opcións matemáticas do título seguen aínda abertas.

Fafú e Manuti regresarán previsiblemente á convocatoria tras a súa ausencia por sanción e motivos persoais, en espera da evolución de Gorka, que descansou o pasado domingo, e se Silva poden estar dispoñible. O Estradense recibirá este domingo no Novo Campo a visita do Sanxenxo.

O Lalín levou o derbi no Cortizo ante o Piloño

En Primeira Autonómica vivíase un novo derbi comarcal entre Lalín e Piloño no estadio Manuel Anxo Cortizo, que se decantou a favor dos roxinegros por 2-1. Todos os goles foron na segunda metade, adiantándose os cruceños no minuto 61, para remontar os locais con tantos no 81 e 89. A falta da última xornada, o Piloño está sétimo, seguido precisamente polo Lalín a dous puntos.

Derrotas do Estudantil en casa e do Agolada en Boimorto

Os outros dous equipos da zona de Preferente tamén perderon nesta pasada xornada. O Estudantil facíao por 1-4 no campo de Callobre fronte ao Atlético Arteixo. Os azulones plantaron cara ao rival durante a primeira metade, encaixando só un gol no minuto 13, e igualando no arranque da segunda con tanto de Adrián Falcón no 49. Pero pouco despois volvían adiantarse os visitantes, no 52. De novo buscaron remontar os locais, pero outros dous goles no 60 e 72 sentenciaron o choque para os coruñeses.

O Agolada perdía por 3-1 en casa do Boimorto, cunha primeira parte acertada dos locais que sumaron dous tantos, no 4 e 18. Na segunda buscaron reaccionar os dezáns, recortando Aitor Furtado diferenzas no 67 ao transformar un penalti. Envorcados para polo menos empatar, encaixaron o terceiro xa en tempo de desconto.