Kun volve alborotar a Preferente galega

DEPORTES

Adri Kun festexa un gol contra O Val na Marosa.
Adri Kun festexa un gol contra O Val na Marosa. Pepa Losada

Mostrou cun dobrete en Miño a súa determinación por impulsar ao Burela tras oito meses lesionado nun nocello: «Síntome en débeda co equipo»

29 sep 2026 . Actualizado a las 21:30 h.

Adrián Fernández Deán, Kun (Burela, 2005), xogaba hai un ano un papel capital na abraiante presentación do Burela tras o ascenso a Preferente. O talentoso extremo sumaba tres goles e tres asistencias para un conxunto a ritmo de playoff cando sufriu unha escordadura de nocello durante un partido da Copa Deputación o pasado decembro. Aí practicamente rematou a súa tempada e, casualidade ou non, tamén a boa inercia dun club da Marosa que só mantivo a categoría tras a milagreira reacción final con Julio César Castro como adestrador.

«Síntome en débeda co equipo», expresa un futbolista que este verán desoíu ofertas de clubs de superior categoría. «Estou moi contento de compartir vestiario cos amigos cos que levo toda a vida xogando e xente máis veterana como Jairo Campo e David Ben, que me tratan moi ben. Estou moi a gusto, é a miña vila e penso que, polo menos, lles debía outro ano máis porque o ano pasado non puiden axudar. A Preferente é moi bonita, ascendemos todos xuntos e quero ter outro bo ano con eles», expresa tras reencontrarse co gol cun dobrete no 2-2 no feudo do Miño.

«Era un partido complicado contra un rival duro e, sobre todo, nun campo moi incómodo. Na primeira metade sufrimos un pouco, pero soubemos aguantar ata que no minuto 45 nos meteron un gol por un despiste, pero despois da charla no descanso saímos máis centrados, coas ideas máis claras e puidemos remontar», conta un Kun que reaparecera tras a súa longa lesión xogando 22 minutos na vitoria 3-2 contra o Dubra e foi un dos trocos do seu míster para revolucionar a segunda metade en Gallamonde.

Adrián aproveitou un desprazamento de Jairo López ás costas do lateral e un pase de Antón Camiña tras unha boa transición para poñer o momentáneo 1-2 no marcador. «Ao final incluso tivemos algo de sorte, que deron dous paus, pero eu quédome co traballo que fixemos todos, con que soubemos aguantar, pelexar e fomos un equipo distinto ao da primeira parte, que puido marcar algún gol máis, aínda que tamén concedeu», analiza.

«Sentinme moi ben. Despois de case oito meses sen xogar ao fútbol, tiña moitas ansias por volver e axudar ao equipo. Estou moi contento polos goles, pero sobre todo polo punto sacado. Se non marco, mentres consigamos bos resultados, tamén vou estar contento», conta decidido a recuperar a súa mellor versión un atacante que firmou 33 dianas nos dous cursos anteriores en Primeira Futgal. 

A súa recuperación, un suplicio

«Tiven un edema óseo e máis unha escordadura de segundo grao no nocello. Quedáronme moi mal os ligamentos nun partido en Copa contra a Residencia en decembro, funo arrastrando e non conseguía curar. Estiven de lado a lado, de fisio en fisio. Pouco a pouco, tamén traballando moito no ximnasio, foise arranxando», expresa un futbolista que agardaba volver ao 100 % co novo curso, pero sufriu unha nova lesión. «Na pretempada xa comecei a adestrar con normalidade, pero volvín con tanta gana que me puxen a xogar como un tolo e tiven unha rotura no abdutor», lamenta.

«Xa está todo curado. Perdinme media pretempada e os dous primeiros partidos, pero agora xa está todo ben e oxalá siga así», expresa un Kun que, este curso si, quere ser unha peza moi importante nun Burela que dea moita guerra en Preferente. «Eu creo que temos bo equipo, con xente traballadora e xente con calidade e espero que sexa unha boa tempada, moito mellor que a pasada», apunta. 

Kun, desde a etapa en Viveiro

Cunha mentalidade ultracompetitiva, Adrián Fernández Deán leva con orgullo o seu alcume. «Cando estaba no Viveiro, en xuvenís, a indumentaria celeste parecíase á do Manchester City e eu tamén levaba o 10 e xogaba de dianteiro. Dicían que tiña un físico parecido e os pais na bancada empezaron a chamarme Kun. O adestrador tamén mo empezou a chamar, de aí levouse ao xornal e foime quedando. A min mólame, a verdade», expresa disposto a seguir facendo honor coas súas actuacións ao arxentino Sergio Agüero, o máximo goleador histórico do Manchester City.