Carlos Teixeira, dianteiro do Viveiro CF: «Estamos moi orgullosos do nivel dos xogadores da casa»
DEPORTES
O penalti no 95 que valeu a vitoria contra o Montañeros supuxo a estrea oficial como goleador no primeiro equipo do canteirán
28 sep 2026 . Actualizado a las 18:20 h.O gol resistíaselle en 33 partidos como meritorio do Viveiro CF, case sempre cos seus 1,98 metros de estatura empregados como revulsivo, pero a Carlos Teixeira Rego (Viveiro, 2000) sobroulle coraxe e puntería para anotar no 95 o penalti en Elviña Grande que impulsa ao cadro celeste en Terceira Federación. O seu compromiso e esforzo son o lema da nova fornada de canteiráns que xa respaldan a Rolle, Arturo, Cora —de baixa por unha lesión— e un Mateo Deán contrastado tras a súa estancia no Lugo xuvenil e o Polvorín. Juan e Xoel Rodríguez volveron tras unha longa inactividade, Huguito tras foguearse no Burela, e Xoel Eijo e Bruno Graña medraron no Xove Lago. Varios xuvenís veñen detrás.
—Como sentou esta vitoria no vestiario?
—Soubo moi ben. Necesitabámola xa porque víñamos de tres derrotas, con cero puntos. Estabamos traballando moi ben, pero as cousas non nos saían e gañar así, no último minuto, é un reforzo moi importante.
—Como foi o proceso para decidir tirar ese penalti no 95?
—Cando o pita o primeiro que fago é felicitar a Huguito por provocalo, pero despois doume conta de que no campo non están nin Arturo nin Rolle, os dous lanzadores habituais. Collín o balón, creo que desde o banco mandaron que tirase Jacobo, pero pedinllo, deixoumo e, por sorte, foi gol e conseguimos a vitoria.
—Foi a súa estrea goleadora no Viveiro. Necesitábao moito?
—Cando o metín foi un momento de liberación tremendo. Non empezara ben a tempada, tivera dúas ocasións moi claras para marcar contra o Antela e o Atlético Arteixo e estábame machacando moito mentalmente. Quixen tirar o penalti porque estaba convencido de que o ía meter. Oxalá que agora veñan moitos máis.
—Foi un gran día para a canteira, non cre?
—Cando acabou o partido falámolo no vestiario. Aínda sabe mellor por iso. Juan levaba dous anos sen xogar de titular e fixo un partidazo, os que debutaron, Huguito e Xoel (Eijo), cando entraron deron un nivel moi bo, Rolle e Arturo xa teñen moitísima experiencia neste tipo de partidos, Mateo, o redebut de Xoel Rodríguez.... Estamos moi orgullosos do partido que fixemos os xogadores da casa. Faltaba Cora, que é outro dos habituais, esta vez quedou sen xogar Bruno e viñeron convocados dous xuvenís. Cantos máis sexamos os de aquí os que poidamos aportar un gran nivel, sempre serán máis bonitas as vitorias do Viveiro.